Artistas do século XX que deixaron pegada

O Museo de Pontevedra organiza un curso sobre mulleres creadoras

O Museo de Pontevedra organiza un curso sobre mulleres creadoras do século XX que repasa a traxectoria de artistas tan diferentes como Maruxa Mallo, Coco Chanel, Tamara de Lempicka, Dora Maar,
maruxa mallo
photo_camera maruxa mallo

O Museo de Pontevedra organiza un curso sobre mulleres creadoras do século XX que deixaron pegada na moda, pintura, escultura e fotografía. Baixo o título "Avantaxado feminino", o programa pretende facer un percorrido polos camiños artísticos do século vinte da man de autoras que deixaron unha pegada significativa no seu campo de traballo: Ruth Matilda Anderson, Coco Chanel, Tamara de Lempicka, Maruxa Mallo, Elsa Schiaparelli, Dora Maar, Hanna Höch, Louise Bourgeois, Lee Krasner. Pintura e Jil Sander. 

O curso, que se desenvolverá entre o 16 de febreiro e o 20 de abril en dez sesións de hora e media (de 19 a 20.30 horas), recompila as biografías das artistas para afondar tanto no plano creativo como no plano vital no que desenvolveron as súas traxectorias, “o que posibilita situar claros referentes femininos no contexto social e cultural das dispares décadas do convulso, tamén fascinante, século vinte”, segundo explica a profesora Carolina Munáiz. 

Tamén se porá sobre a mesa que naquel entón viaxaba Ruth Matilda Anderson, cámara en man, por terras galegas a encargo do director da Hispanic Society de Nova York

Baixo ese marco biográfico e do contexto histórico coñeceranse os avatares creativos de autoras que dirixiron o seu talento ao ámbito da fotografía, a escultura, a pintura ou a moda. Por exemplo, falarase da modernidade pragmática de Gabrielle  Chanel, á que se debe, hai agora un século, o cambio radical da vestimenta feminina, coetánea do seu imprescindíbel rival, o modisto Paul Poiret, e do novo gusto burgués polo plano, fecundado polos cubistas. 

Tamén se porá sobre a mesa que naquel entón viaxaba Ruth Matilda Anderson, cámara en man, por terras galegas a encargo do director da Hispanic Society de Nova York, institución promotora, así mesmo, dos murais ibéricos encomendados a Joaquín Sorolla. Falarase de que a Gran Guerra modificara o panorama vital e, polo menos no ámbito urbano, os estereotipos sociais afrouxáronse. Achandarase o terreo para novas maneiras de proceder: a garçonne e a flapper serán a resposta ao incremento da presenza feminina no espazo público, legatarias do movemento sufraxista. O grupo Dadá en Berlín plasmará a súa arte aceda mediante fotomontaxes, entre estes pioneiros figurará con nome propio Hanna Höch. 

O movemento surrealista tópase cunha gran aliada en moda: Elsa  Schiaparelli. A deseñadora levará as colaboracións con Cocteau e Dalí á alta costura, ademais de trasladar un insólito imaxinario á vestimenta da súa época. 

Para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico co nome completo e o número de teléfono a [email protected]. Finalmente entregarase un certificado de asistencia.

Comentarios