venres 10.07.2020

O BNG denuncia a posibilidade dunha "fraude electoral" co sistema actual do voto por correo

Goretti Sanmartín advirte de que a situación "pode terminar por ser unha fraude electoral, un carrexo de votos a través dunha extensión inaudita de voto por correo".
Goretti Sanmartín (BNG).
Goretti Sanmartín (BNG).

O BNG vén de denunciar a posibilidade "dunha fraude electoral" no voto por correo "tal e como a Xunta está a propoñelo", xa que se trata dunha opción prevista para "casos excepcionais", pero o Goberno que preside Alberto Núñez Feixoo propono "de forma expansiva, utilizando aos traballadores do servizo postal sen que existan as debidas garantías democráticas".

"É necesario exixir a orixe e a emisión de todos os votos e non entendemos que se poida dar cabida á posibilidade de que, sen ningún tipo de xustificación, se poida facer un voto masivo a través do persoal de correos", advertiu a coordinadora de campaña do BNG, Goretti Sanmartín.

Neste sentido, criticou que a situación "pode terminar por ser unha fraude electoral, un carrexo de votos a través dunha extensión inaudita de voto por correo".

Ademais, o BNG sinalou que as garantías postais "non se dan cun servizo postal que non ten suficiente persoal", como xa advertiron responsábeis dos traballadores, "nin se xustifica que un procedemento que a lei prevé como excepcional se faga extensíbel ao conxunto da poboación".

comentarios