mércores 23/09/20

CIG-Correos: “Non hai persoal suficiente para levar a cabo o proceso do voto por correo nestas condicións”

Advirten do “colapso" que se pode xerar no servizo postal.

CIG-Correos:  “Non hai persoal suficiente para levar a cabo o proceso do voto por correo nestas condicións”

 CIG-Correos advirte do grande aumento da carga de traballo que suporá a decisión da Xunta Electoral de autorizar que os carteiros e as carteiras poidan facer o trámite para a entrega da documentación e a recollida do voto nos domicilios particulares.

Advirten do “colapso que se pode xerar no servizo postal pola falta de persoal suficiente; e da ausencia de garantías para que o persoal de Correos realice o proceso con toda a seguridade sanitaria e xurídica que require o exercicio deste dereito”.

“A empresa non ten persoal suficiente para levar a cabo o proceso do voto por correo nestas condicións. As previsións de contratación son as mesmas que para unha eleccións 'normais', polo que de non incorporar máis persoal para este cometido, haberá un colapso total do servizo de Correos”, alerta o secretario de Organización do sector de Correos da CIG, Anxo Álvarez.

Álvarez considera que a decisión da Xunta Electoral evidencia “un absoluto descoñecemento” da infraestrutura de Correos e que, en plena pandemia, “estase a trasladar o problema que se podería xerar nos colexios electorais aos traballadores e traballadoras de Correos”.

Neste senso, lembra que toda a carga de traballo que se vai xerar é de carácter urxente e inaprazábel, ao que hai que sumar o reparto da propaganda electoral, dos produtos que circulan a diario en Correos e son de entrega obrigatoria máis toda a correspondencia habitual.

CIG-Correos demanda “instrucións claras e concisas que garantan un escrupuloso cumprimento en canto á legalidade de todo o proceso administrativo relativo ao voto por correo por parte de Correos”.

Lembran que este proceso xa se vén facendo dende hai  anos en determinados Enlaces Rurais de Galiza nos que con frecuencia se producen presións ou coaccións ao persoal de Correos por parte de persoas colaboradoras de partidos políticos.

“Noutras eleccións anteriores xa tivemos que denunciar publicamente estas prácticas mafiosas e caciquís que sofren moitos carteiros e carteiras durante a campaña electoral en relación ao voto por correo”, apunta.

De igual xeito, a representación da CIG pide que todo o proceso electoral, tanto a tramitación do voto por correo como o reparto de propaganda electoral, se faga dentro da xornada laboral.

comentarios