As carteiras poderán recoller os votos para as eleccións do 12 de xullo nos domicilios

A Xunta Electoral Central vén de autorizar ás traballadoras de Correos para recoller os sobres coas papeletas nos domicilios das persoas que o soliciten coa súa sinatura electrónica. 
Traballadora de Correos (arquivo/EP).
photo_camera Traballadora de Correos (arquivo/EP).

A Xunta Electoral Central decidiu que as carteiras poidan "dar fe" da recepción do voto e outorgoulles a capacidade de recoller nos domicilios os sobres das persoas que elixan exercer así este dereito nas eleccións previstas para o próximo 12 de xullo na Galiza, na liña do que solicitou a Xunta.

De feito, informou deste acordo ao Goberno galego, que enviou á Xunta Electoral varias peticións para garantir o dereito a voto e as medidas sanitarias da cidadanía. O acordo recolle varias demandas da Xunta, como organizadora dos comicios que é, e a cal insta a fomentar o voto por correo.

A Xunta Electoral aceptou parcialmente a proposta do Goberno galego de que se poida realizar a petición do voto por vía telemática, mediante un sistema que acredite a identidade do solicitante. Neste sentido, o árbitro electoral matiza que debe facerse esta petición a través da páxina web de Correos mediante firma electrónica.

Comprobar a identidade

En canto á posibilidade de estabelecer protocolos para facilitar o emprego deste sistema de votación, a Xunta Electoral recolle que o persoal de Correos que entrega a documentación electoral no domicilio, unha vez comprobada a identidade e recibidos os sobres electorais, "ten a posibilidade de devolvelos xa cumprimentados", de maneira que a persoa votante recibirá "un xustificante que acredite que xa exerceu o seu dereito a voto".

"O persoal de Correos deberá comprobar a identidade da devandita electora mediante a exhibición do DNI ou de calquera outro documento oficial acreditativo da súa identidade, debendo anotar o número do devandito documento, dando fe desa recepción persoal, sen que, en consecuencia, sexa imprescindible que o elector firme persoalmente a entrega", sinala a resolución.

De todas maneiras, a Xunta Electoral Central aclara que se trata dunha posibilidade opcional e "extraordinaria" (cunha interpretación especial da lei para esta ocasión pola pandemia), polo que a fórmula presencial na oficina de Correos deberá seguir vixente como até o de agora nos prazos estabelecidos. Concretamente, está aberta a posibilidade de solicitar o voto por correo até o 2 de xullo e poderase emitir até o día 8.

"Demandas cumpridas"

Nun comunicado, o Goberno galego considera "cumpridas as demandas" para que a Xunta Electoral e o Ministerio do Interior "adopten medidas que favorezan que os cidadáns poidan exercer o dereito a voto de sufraxio activo sen acudir ao local electoral o día da votación".

A Xunta tamén propoñía no seu protocolo ampliar o prazo do voto por correo até dous días antes das eleccións. Sobre esta cuestión, a Xunta Electoral non se pronuncia e unicamente fai referencia nun dos puntos da resolución aos "prazos estabelecidos", que son os xa mencionados.

Na súa resolución, a Xunta Electoral pide dar traslado do acordo tanto ás Administracións da Galiza, como á de Euskadi, que tamén realiza as eleccións o 12 de xullo.

Comentarios