O BNG calcula que a Galiza perdería 2,7% coa reforma de financiamento

Ana Pontón defende que o mellor é que a Galiza teña a chave de 100% dos seus recursos. "Esa é a nosa posición e non imos renunciar a ela, pero no camiño para ter unha maior autonomía fiscal hai que ir dando pasos e sabemos que esa non é a proposta que vai defender Feixoo. Por iso imos levar medidas que nos permitan conseguir que, aínda no actual marco, a Galiza non volva perder”, explicou.
Reunión de Ana Pontón e Rubén Cela con economistas (Foto: Nós Diario)
photo_camera Reunión de Ana Pontón e Rubén Cela con economistas. (Foto: Nós Diario)

A líder do BNG, Ana Pontón, mostrou a súa preocupación pola estratexia do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, sobre a reforma do modelo de financiamento autonómico, plasmada na cimeira de presidentes que decorreu en novembro en Compostela convocada polo propio Feixoo.

“Despois do seu cumio autonómico resulta que recibimos a proposta do Goberno estatal para un novo modelo de financiamento e gañan todas as comunidades autónomas que acudiron a ese encontro menos a Galiza”, denunciou Pontón. De feito, segundo explicou, coa proposta remitida polo Ministerio de Facenda, a Galiza perdería 2,7%

“Que clase de estratexia é a que ten en marcha o presidente da Xunta tendo en conta que o resultado é que todas as comunidades gañan menos a Galiza?", preguntouse a nacionalista, para apostilar que a "a conclusión é que a súa estratexia é un desatino á vista dos resultados, pois en vez de lograr máis recursos, resta”. Por iso, Pontón pediu ao presidente da Xunta “que rectifique a súa estratexia” e poña sobre a mesa propostas a favor do país, “como as que imos levar á comisión parlamentaria de financiamento, porque o obxectivo ten que ser sacar adiante un modelo que permita á Galiza maior soberanía fiscal e financeira”.

"Estamos ante un asunto de máxima importancia porque se trata, en definitiva, dos recursos para sufragar a sanidade, a educación, os servizos sociais, para preservar o medio ambiente ou para pór en marcha políticas activas de emprego, por tanto non estamos falando dunha abstracción senón de cuestións moi concretas que afectan á vida de todos e todas”, concluíu Pontón.

Capacidade financeira

Aumentar até 90% a cesión do IVE e o do IRPF á Galiza, reclamar a cesión do imposto de sociedades e estabelecer que as empresas con actividade produtiva na Galiza tributen no país a parte que lles corresponde. Eis algunhas das propostas que o BNG leva este 17 de decembro á primeira reunión da comisión parlamentaria que estuda a proposta da Galiza diante da reforma do sistema de financiamento autonómico.

"O mellor é que a Galiza teña a chave de 100% dos seus recursos", di Pontón

As iniciativas do Bloque foron adiantadas esta cuarta feira, 16 de decembro, por Ana Pontón após manter un encontro con economistas. Remarcou que, en plena negociación do novo sistema de financiamento, o BNG acudirá á comisión parlamentaria con ánimo construtivo e vontade de chegar a un "acordo de país", co obxectivo de que a Galiza gañe "e deixe atrás un modelo que a discrimina".

“No BNG temos claro que o mellor é que a Galiza teña a chave de 100% dos seus recursos, esa é a nosa posición e non imos renunciar a ela, pero no camiño para ter unha maior autonomía fiscal hai que ir dando pasos e sabemos que esa non é a proposta que vai defender Feixoo. Por  iso imos levar medidas que nos permitan conseguir que, aínda no actual marco, a Galiza non volva perder”, explicou.

Comentarios