A proposta de financiamento do Goberno español pon o peso na poboación total, e non na dispersión nin no envellecemento

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, remitiu esta sexta feira a todas as autonomías de réxime común a proposta do Goberno español para reformar o modelo de financiamento autonómico en base ao criterio de poboación axustada, como un primeiro documento para iniciar o debate sobre o novo sistema de financiamento.

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, onte no Congreso. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesús Montero no Congreso. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

No texto que se deu a coñecer na sexta feira, Facenda propón un cálculo de poboación axustada, que é unha das variábeis do modelo de financiamento que determina a repartición dos recursos en función de circunstancias demográficas, sociais ou territoriais.

Era o criterio que solicitaban a Comunidade Valenciana, Andalucía e Murcia, ao saíren beneficiadas. Pola contra, a Galiza perde coa proposta do Goberno estatal, pois pon o peso na poboación total, con independencia da dispersión e da idade das persoas.

A aposta do Goberno de Pedro Sánchez chega na mesma semana en que se puxo en marcha no Parlamento da Galiza a comisión sobre o modelo de financiamento, un órgano de estudo que pretende buscar puntos de unión entre os grupos políticos da Cámara, co fin de estabelecer unha posición conxunta no marco do debate do sistema de financiamento.

O actual modelo de financiamento atópase prorrogado desde 2014 e supón un agravio comparativo para a Galiza a respecto doutras autonomías. Entidades como a Fundación de Caixas (Funcas), tomando como referencia os datos da liquidación orzamentaria de 2017, e especialistas como o economista Ángel de la Fuente, seguindo as cifras do orzamento de 2019, coinciden en afirmar que os territorios mellor financiados son aqueles que gozan de concerto económico e recadan os seus impostos.

En 2019 Galiza perdeu 5.000 millóns a favor do Estado español

O economista Xosé Díaz, autor do libro editado por Sermos Galiza S.A. As contas que nos contan, afirma que no último exercicio económico liquidado (2019), a Galiza achegou 13.212 millóns de euros á Administración española e obtivo do actual modelo de financiamento 8.142 millóns, o que supón unha diferenza a favor do Estado de 5.070 millóns.

Sobre estas cifras defende Ana Pontón a proposta dun modelo de concerto económico, ou cupo, para a Galiza, e a aposta por un sistema fiscal propio. A iniciativa nacionalista non convence nin a PSdeG nin a PP, que amosaron na comisión sobre financiamento que non apoiarían ese réxime para a Galiza. 

O propio presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, cualificou de "prexudicial" para a Galiza e de "disparate" a proposta do concerto económico interpelado en sede parlamentar pola portavoz nacional do BNG. Feixoo foi o impulsor da declaración de Santiago, na que a Galiza e outras sete autonomías do Estado español desbotaron a negociación bilateral coa Moncloa en materia de financiamento.

Comentarios