Pontón pide que os impostos sexan recadados na Galiza

O BNG levará á Parlamento a proposta para crear un concerto económico similar ao que gozan en Euskadi e Nafarroa, así como incrementar "de modo substancial" os recursos e a autonomía fiscal da Galiza. Desde o PP sinalan que o sistema de cupo suporía unha "ruína".
 
A portavoz do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera A portavoz do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa en Compostela (Foto: Nós Diario).

Na terza feira, 30 de novembro, bota a andar no Parlamento galego a comisión de estudo para abordar unha proposta común dos grupos políticos diante a reforma estatal do sistema de financiamento autonómico. 

O BNG acode á cita coa intención de "lograr un modelo no que a Galiza gañe", cuestión que segundo sinalan "pasa por conseguir soberanía fiscal e financeira". Para iso, a líder nacionalista, Ana Pontón, instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a "deixar de ser apóstolo do centralismo”. En concreto, o Bloque levará á comisión parlamentaria a proposta para crear un concerto económico similar ao que gozan en Euskadi e Naforra, así como incrementar "de modo substancial" os recursos e a autonomía fiscal da Galiza.

En rolda de prensa, Pontón sinalou as catro premisas coas que o BNG encara o debate: "ambición de país, desterrar a falsa idea de que a Galiza é pobre e vive do Estado, dar a Galiza un modelo de financiamento xusto e conseguir as máximas cotas de soberanía financeira".

“O novo modelo", dixo, "ten que achegar soberanía fiscal e financeira, ben a través dun concerto económico como en Euskadi e Nafarroa ou, cando menos, ampliando a 90% a cesión do IVE e do IRPF, a cesión do imposto de sociedades e que tributen no país as empresas que teñan actividade económica aquí".

Pontón quere "darlle a volta ao modelo actual", de forma que os impostos se recaden na Galiza e que tamén sexa aquí onde se estabelezan as prioridades de gasto e investimento. Despois, sería cando se farían "contas co Estado". Para logralo, apelou "a superar o centralismo". 

“Temos dereito a que os impostos que pagamos aquí se usen aquí para reforzar os servizos públicos, potenciar os sectores produtivos, dar futuro á mocidade e garantir unha vellez digna”, argumentou. 

O PP oponse ao  cupo

Preguntado pola posición de Pontón, o voceiro do PP na Cámara galega, Pedro Puy, sinalou que sistema de cupo suporía unha "ruína" porque, segundo afirmou, a Galiza ten unha "renda media por debaixo do conxunto da economía que financia o conxunto dos servizos públicos, como é España".

Precisamente, Pontón criticou que os impostos dos galegos se destinen a "enriquecer outros territorios e que por riba nos digan que somos pobres e que precisamos de papá Estado".

Comentarios