A declaración de Santiago rexeita negociar bilateralmente o financiamento co Estado

Feixoo e outros sete presidentes asinaron a declaración de Santiago, que desbota a negociación bilateral coa Moncloa en materia de financiamento. Pese á negativa de Feixoo a negociar "de ti a ti" co Estado e a explorar un concerto galego, os datos amosan que a Galiza sae mal parada co actual marco de financiamento autonómico.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, exerceu de anfitrión da cimeira de presidentes (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, exerceu de anfitrión da cimeira de presidentes (Foto: Arxina)

O maior nivel de gasto que supón a prestación de servizos, construción e mantemento de infraestruturas en territorios como o galego, con gran dispersión e avellentamento poboacional e orografía pronunciada, estivo na cerna do 'Foro Santiago. Camiño de consenso', a cimeira de oito Presidencias autonómicas que este 23 de novembro decorreu na capital galega. 

Acudiron á xuntanza os presidentes da Galiza e de Castela e León (PP); os de Castela A Mancha, Asturies, Aragón, Estremadura e a da Rioxa (PSOE) e mais o de Cantabria (PRC). A reunión culminou coa sinatura dunha declaración institucional que destaca que estas comunidades supoñen até 61,97% da superficie do Estado e 24,13% da súa poboación. Nese sentido, o artigo 34 do texto repara en que "ademais dos custos fixos, a superficie, a dispersión, a baixa densidade, a orografía, a baixa natalidade e o avellentamento e sobreavellentamento da poboación son condicionantes innegábeis dun maior custo na prestación de servizos, cuxo efecto debe cuantificarse de forma completa e ponderarse en maior medida que no actual sistema". Avogan na declaración por aproveitar "a definición dun novo modelo para corrixir os déficits de financiamento que sofren todas as comunidades autónomas no modelo vixente, dotando o sistema autonómico de maiores recursos".

Un sistema obsoleto

Fronte ao ditado na lexislación, o actual sistema de financiamento autonómico leva sete anos caducado e prorrogado -a Lei 22/2009 estabelece na disposición adicional sétima a obriga dunha revisión quinquenal que tocaba en 2014-. Agora, o Goberno estatal parece disposto a iniciar o proceso de reforma e a acometer unha revisión da metodoloxía de cálculo da poboación axustada (unidade de poboación dun territorio ponderado polas súas necesidades).

E ante o debate que se está a abrir, estas oito comunidades fan grupo común cunha declaración que pide que se atendan as características poboacionais dos seus territorios no reparto de fondos á vez que rexeitan negociacións bilaterais entre cada comunidade co Estado en materia de financiamento. 

A Galiza desbota a bilateralidade co Estado

No encontro reclamouse "transparencia" no debate sobre a reforma do sistema e pediuse que este "só" sexa "froito dun consenso multilateral" no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). Así, a declaración asinada reclama que as decisións relativas a financiamento autonómico fiquen "á marxe dos lexítimos espazos bilaterais entre o Goberno central e cada comunidade". 

Precisamente, no debate de orzamentos desta semana no Parlamento galego, o BNG emprazou Feixoo a non rexeitar unha negociación bilateral Galiza-Estado en materia financeira e reivindicou un sistema que dea á Galiza "a chave dos seus recursos", ao estilo do concerto económico vasco.

Todo ao contrario, a declaración de Santiago afonda na negativa de Feixoo a explorar a bilateralidade en financiamento e no rexeitamento dun marco de concerto económico propio. Tanto o PP como o PSdeG opóñense á vía do concerto económico aseverando que a Galiza contaría con menos recursos dos que actualmente ten grazas á solidariedade do Estado. 

Mais os últimos datos publicados reforzan a idea de que a Galiza non é pobre senón que sae prexudicada co actual modelo de financiamento. Amósano mesmo informes de autores moi afastados de postulados  soberanistas. A Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea), laboratorio de ideas das empresas do IBEX, difunde nun recente informe de Ángel de la Fuente como a Galiza fica á cola na repartición de recursos por habitante. Tomando como referencia a liquidación do orzamento do Estado de 2019, De la Fuente -director executivo de Fedea e economista neoliberal de cabeceira no PP en materia de financiamento- sinala no estudo O financiamento autonómico en 2020: unha primeira aproximación e unha proposta de cara a 2021 como a Galiza fica á cola co modelo de financiamento autonómico. 

Con 2.846 euros de financiamento efectivo por cada habitante, a Galiza conta con bastante menos cartos que as comunidades coas que teceu alianza: 475 euros menos por habitante que Cantabria, 364 euros menos por habitante que A Rioxa, 240 euros menos por habitante que Estremadura, 99 euros menos por habitante que Castela e León. Precisamente, Cantabria é o territorio máis favorecido, tras recibir da caixa común 3.321 millóns de euros de financiamento efectivo por cada un dos seus habitantes. Á cola do Estado está o País Valenciá, con 2.618 euros por habitante. 

Descolgue de Estremadura e A Rioxa 

Os presidentes das comunidades autónomas de Estremadura e da Rioxa non asinaron a parte final da declaración de Santiago, que amosa o seu apoio á gandería extensiva e pide ao Goberno que "recupere" os espazos de consenso sobre a xestión e conservación do lobo.

O acordo, por fóra do Parlamento galego

A inicios deste mes, os tres grupos do Parlamento galego -PP, BNG e PSdeG- chegaron a un acordo no pleno, por mor dunha proposición non de lei impulsada polo Bloque, para crear unha comisión non permanente de estudo que aborde a proposta da Galiza ante a reforma do sistema de financiamento autonómico.

A formación nacionalista propuxo esta comisión criticando que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, debatese e concretase a posición da Galiza sobre a reforma do financiamento con outras oito comunidades autónomas en lugar de facelo primeiro no Parlamento galego. Esta semana, Ana Pontón (BNG), volveu denunciar que a Cámara descoñecía que posición ía manter Feixoo na cimeira de presidentes.

Comentarios