Feixoo di que o novo modelo de financiamento "discrimina" á Galiza e acusa o Estado de "discrecionalidade"

A Xunta crea un "protocolo antifraude" para "identificar riscos e aumentar a transparencia" dos proxectos que reciban cartos procedentes dos fondos 'Next Generation'. Aliás, a "internet das cousas" chegará á Galiza en 2023.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, esta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nunha imaxe de arquivo (Foto: Xunta da Galiza).

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, compareceu nesta sexta feira ante os medios de comunicación após a reunión semanal do Consello da Xunta. Entre outras cuestións, volveu criticar a proposta remitida polo Goberno estatal sobre o novo modelo de financiamento territorial.

"Hai traxes a medida dalgunhas comunidades autónomas, e ningún deles serve para a Galiza", defendeu, ao tempo que cuestionou que o Ministerio de Facenda poida repartir contías "con discrecionalidade" ou "discriminando" entre territorios por "cuestións políticas", o que provoca "tensións" entre os diferentes gobernos.

Para Núñez Feixoo é "sorprendente" que, a efectos de financiamento dos servizos públicos, "se incremente o valor" da poboación máis nova namentres "diminúe" o das persoas maiores. "É xustamente o contrario do que debemos expor", asegurou.

"Se aquí, o que hai detrás, é o mesmo diñeiro que tiñamos, vai haber unha enorme tensión entre todas as comunidades. Porque hai algunhas que van perder, hai outras que van gañar e sería a primeira vez que nun modelo de financiamento, como mínimo, as comunidades quedan como están", concluíu o mandatario.

Protocolo "antifraude" para os fondos europeos

Precisamente sobre esta partida que achegará a Unión Europea (UE) para a recuperación económica avanzou o presidente que se creará un "protocolo antifraude". "Este código de conduta pretende indentificar riscos e aumentar a transparencia para sermos o máis escrupulosos e eficaces posíbel para coordinar e facer seguimento dos órganos que xestionan proxectos públicos financiados cos Next Generation", afirmou.

Neste senso, falou da necesidade de "facer unha diagnose da situación con base ás normas e estándares éticos da UE", así como explicitar "que criterios deben cumprir" e crear un "catálogo de riscos", a fin de "mandar unha imaxe de rigor".

Cómpre lembrar as críticas de diferentes colectivos e entidades polo reparto destes fondos, que, aseguran, acabarán "en mans das multinacionais" no canto de contribuíren á "recuperación económica" das maiorías sociais.

1,5 millóns en publicidade institucional de turismo

O Consello da Xunta aprobou tamén un convenio co Clúster de Turismo da Galiza, cun importe máximo de 1,5 millóns de euros até 2024, para artellar unha "campaña de promoción" do país como "destino turístico seguro".

Así, darase publicidade das "medidas pioneiras antiCovid" aprobadas polo Goberno galego a través de estratexias publicitarias e a participación en feiras e congresos.

A "internet das cousas", para 2023

O Executivo tamén deu luz verde a un proxecto, por valor de 1,6 millóns de euros, que traerá á Galiza a "internet das cousas" no ano 2023.

Deste modo, instalaranse "300.000 sensores" nas torretas de telecomunicacións de Retegal —a empresa pública que as xestiona— que abranguerán "70% do territorio" e ofrecerán datos como o caudal das augas, a localización das brigadas de extinción de lumes ou os fluxos turísticos en puntos de alta afluencia.

Esta rede, dixo Núñez Feixoo, permitirá crear "aldeas intelixentes" e analizar factores como a "calidade de vida" ou a "pobreza enerxética" dun determinado lugar do país. Forma parte do proxecto 'Territorio intelixente', que a Xunta presentou para optar aos fondos Next Generation.

A pesca "perderá 34 millóns" polas novas cotas

Noutra orde, o presidente da Xunta advertiu que, con base nun recente informe da Universidade de Santiago de Compostela (USC), "se acredita que o recorte das cotas para a pescada, o xurel e o peixe sapo imposto por Europa suporá unha perda de 34 millóns de euros en 2022", que se sumarían "aos 70 millóns perdidos desde 2019".

Isto provocaría, segundo os cálculos do Goberno galego, a destrución de "382 postos de traballo" o vindeiro ano. "Serían máis dun milleiro desde 2019", censurou.

Feixoo, sobre o nomeamento de Carmela Silva: "Formoso non podía elixir peor"

Así as cousas, Núñez Feixoo cualificou de "tremendo" o nomeamento de Carmela Silva como nova presidenta do PSdeG. "Se isto é o novo socialismo galego, vai facer bo o vello. Formoso fala de crear consenso e chegar a acordos, mais non podía ter elixido unha persoa máis especialista na confrontación", dixo.

Silva, pola súa banda, acusou o PPdeG de "enlamarse no lixo", algo que ela asegurou que non fará. "Déixollo a Rueda e Feixoo, que é onde lles gusta estar", sentenciou.

Comentarios