O BNG absterase na votación dos Orzamentos Xerais pero rexeitará as partidas para Defensa e a Casa Real

"Destinar máis de 17.000 millóns de euros a maiores entre 2023 e 2029 a gasto militar é unha verdadeira barbaridade e implica hipotecar a capacidade de desenvolver políticas sociais e económicas para protexer e mellorar a calidade de vida das maiorías sociais", advirte Néstor Rego.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comparecendo ante os medios. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comparecendo ante os medios. (Foto: Nós Diario)

O BNG absterase na votación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2023 por tratarse dunhas contas "insuficientes para a Galiza e as clases populares". Así o vén de adiantar o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, que matizou que votará en contra dos apartados referidos á Casa Real e a Defensa.

"Desde que o Goberno do Estado presentou o proxecto de Orzamentos sinalamos a necesidade de melloralos: o investimento na Galiza fica estancado, nun contexto de orzamentos expansivos en que aumenta de forma importante o investimento no conxunto do Estado e na inmnensa maioría das comunidades autónomas, excepto no noso país, que, máis unha vez, fica discriminado", reprocha o parlamentario.

Na mesma liña, lamenta que PSOE e Unidas Podemos non incluísen as medidas propostas polo Bloque, perante máis de 350 emendas, "que axudarían a paliar a crise social e económica provocada pola suba descontrolada dos prezos e acabar coa discriminación histórica que sofre a Galiza en investimento en infraestruturas e servizos".

Así, Rego considera "insuficiente" o gasto social previsto nos Orzamentos, mentres a partida que máis sobe é a de Defensa, "destinada á compra de armamento, o que resulta inxustificábel nun contexto de extremas dificultades sociais e económicas", unha decisión adoptada "a pedido da OTAN", censura.

"Destinar máis de 17.000 millóns de euros a maiores entre 2023 e 2029 a gasto militar é unha verdadeira barbaridade e implica hipotecar a capacidade de desenvolver políticas sociais e económicas para protexer e mellorar a calidade de vida das maiorías sociais. Repercutirá negativamente na calidade dos servizos públicos e no emprego e derivará en novos recortes sociais", alerta o deputado nacionalista.

Entre as propostas do BNG achábanse a suba das pensións mínimas, a creación de tres xulgados de violencia de xénero en Compostela, Lugo e Ourense ou cumprir co financiamento a 50% da Lei de Dependencia por parte do Estado. "Os deputados e deputadas galegas de PSOE e Unidas Podemos terán que explicar á sociedade galega porque votaron en contra de emendas para aumentar o investimento na Galiza e superar o déficit histórico en materia de infraestruturas e servizos", afirma Rego.

No que atinxe ás infraestruturas, desde a formación nacionalista fan especial fincapé na proposta para implantar un servizo de tren de cercanías nas cidades galegas e as súas áreas de influencia, así como modernizar a rede ferroviaria interna, rematar a construción da A-54 ou impulsar os 30 quilómetros de vía "que permitirían unir a Galiza e Portugal a través dunha liña de alta velocidade".

Tamén defenden partidas para o saneamento e rexeneración das rías ou, no ámbito económico, para a conversión de Navantia nun complexo industrial integral que incorpore a construción naval civil, así como para a intervención pública de Alcoa como "mellor solución para garantir a continuidade da actividade e da totalidade dos empregos na Mariña".

"A sociedade galega ten cada vez máis claro quen defende os intereses do noso pobo e quen está alí para votar o que lle mandan as súas direccións en Madrid, mesmo cando iso prexudica todos os galegos e galegas", enfatiza o deputado.

Comentarios