Orzamentos Xerais do Estado

O Estado deixou sen investir na Galiza 2.823 millóns orzados entre 2015 e 2021

Unha cuestión é o investimento previsto no Orzamento do Estado e outra o seu grao de execución. Os datos da Intervención Xeral da Administración do Estado certifican que desde 2015 o Goberno estatal deixou sen investir na Galiza 2.823 millóns de euros comprometidos nos sete últimos orzamentos.
A alta velocidade ferroviaria padeceu a baixa execución orzamentaria na Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera A alta velocidade ferroviaria padeceu a baixa execución orzamentaria na Galiza. (Foto: Europa Press)

O Orzamento do Estado de 2015 recollía un investimento na Galiza de 1.355 millóns de euros. As maiores partidas procedían do Ministerio de Fomento con 159 millóns de euros e do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) con 702 millóns de euros destinados á alta velocidade. Precisamente, a referida empresa pública, dirixida naquela altura politicamente pola ministra e deputada do PP por Pontevedra Ana Pastor, deixou sen executar 425 millóns de euros, isto é 60,5% do orzado.

Nesa anualidade, o Executivo estatal só investiu na Galiza 863 millóns, 492 millóns de euros menos do estipulado. As contas públicas de 2016 prevían un gasto no país de 1.329 millóns. O orzamento presentado polo Goberno de Mariano Raxoi situaba, outra vez, como departamentos máis investidores o Ministerio de Fomento e Adif, con partidas de 208 millóns e 802 millóns, respectivamente.

A liquidación do orzamento elaborado pola Intervención Xeral da Administración do Estado, organismo dependente do Ministerio de Facenda, certificou que o nivel de execución orzamentaria ficou en 552 millóns, 58,4% por baixo do aprobado inicialmente.

A liquidación de 2017

A Lei de orzamentos de 2017 fixaba un investimento na Galiza de 892 millóns de euros. A partida máis importante, con 481 millóns, procedía de Adif, cuestión lóxica atendendo ás obras da alta velocidade ferroviaria. Porén, o seu nivel de execución real quedou en 302 millóns de euros. Finalmente, nese exercicio o Executivo do PP non investiu no país un total de 232 millóns de euros previstos no orzamento, destacando, máis unha vez, o elevado nivel de incumprimento do Sector Público Empresarial (SPE).

A este respecto, o economista Xosé Díaz sinala a Nós Diario que “o maior o grao de investimento do SPE en comparación coa Administración Xeral do Estado é unha anomalía das contas galegas en relación con outros territorios do Estado”.

Os orzamentos do ano 2018 non representaron unha excepción nesta serie histórica. Se o gasto previsto para este exercicio na lei de orzamentos foi de 894 millóns, o investimento final na Galiza situouse en 523 millóns de euros, excluídos os préstamos destinados á construción de varias fragatas en Ferrol, que como sinala Xosé Díaz “non son investimentos senón unha forma sui generis de financiamento dos grandes proxectos de armamento do Estado”.

O Congreso non aprobou orzamentos para 2019 e 2020, actuando nesas anualidades prorrogadas as contas públicas de 2018, as últimas elaboradas polo Executivo de Mariano Raxoi. Así, para o primeiro exercicio os créditos iniciais ficaron en 894 millóns, sendo a contía finalmente investida de 457 millóns. Asemade, para 2020, Xosé Díaz, seguindo a liquidación elaborada pola Intervención Xeral da Administración do Estado, cifra en 254 millóns, as partidas non executadas polo Estado na Galiza.

Os orzamentos para 2021, os primeiros aprobados polo Goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos, prevía uns investimentos na Galiza de 792 millóns de euros, sendo, máis unha vez, as diversas partidas de Adif as que recollían maiores dotacións para o país. Porén, a contía finalmente executada ficou en 532 millóns, 259 millóns menos dos aprobados na lei de orzamentos para ese exercicio.

Baixo grao de execución

Xosé Díaz, no seu estudo sobre A execución dos investimentos na Galiza, analiza como o Estado deixou de investir na Galiza, entre 2015 e 2021, 2.823 millóns de euros. O baixo grao de execución orzamentaria no país contrasta coas cifras referidas a Madrid, onde o investimento final vén superando, tradicionalmente, o previsto inicialmente. Sen ir máis lonxe, en 2021, o Sector Público Empresarial e a Administración Xeral do Estado prevían un investimento inicial en Madrid de 961 millóns de euros, acadando, finalmente, 1.643 millóns de euros.

Madrid, o territorio que "sempre gaña"

Madrid é sempre o gran gañador dos orzamentos do Estado. O economista Xosé Díaz resalta como no período de 2015 a 2021 o nivel medio dos investimentos estatais no país situouse en 59,12% do orzado, isto quere dicir que o gasto final estivo 40,8% por baixo do aprobado nas diversas leis de orzamentos. Pola contra, en 2020, Madrid foi o territorio máis favorecido polas achegas do Estado, sumando 1.229 millóns de euros, isto é 272 millóns máis que Catalunya.

Comentarios