Orzamentos Xerais do Estado

O Estado só investiu un de cada tres euros consignados a Galiza para este ano

O Goberno español investiu na Galiza apenas un de cada tres euros dos 1.033 millóns orzados para este ano no país. Son datos do propio Ministerio de Facenda e referidos ao primeiro semestre do exercicio. Un nivel de execución que contrasta co de territorios como Madrid, onde se investiu máis de 52% do presupostado.
Peroas comprando billetes de tren na estación compostelá de Renfe (Foto: César Arxina / Europa Press).
photo_camera Retirada de billetes de tren na estación de Santiago. (Foto: César Arxina / Europa Press)

A fotografía do orzamento que o Estado aproba en materia de investimentos para a Galiza adoita ser moi diferente á execución dos mesmos que finalmente se fai. O grao de execución do Goberno estatal nos diferentes territorios dos investimentos e compromisos fixados nos Orzamentos Xerais de 2022 pode cuantificarse, tomando o pulso así ao nivel de compromiso no cumprimento das partidas presupostadas. 

Na Galiza, ese nivel de execución sitúase en 28,4% no semestre, menos de un euro de cada tres orzados para o país. É un grao de cumprimento que fica lonxe dos dous territorios que presentan un maior volume executado  das contas do Estado neses seis meses. Un é Nafarroa, 61%, e outro é Madrid, con 55,4%. De feito, hai nove territorios onde os orzamentos do Estado español presentan mellor nivel de cumprimento que no que respecta á Galiza.

Para alén das mencionadas Nafarroa e Madrid, están Illes Balears (42%), Aragón, Castela-A Mancha, Estremadura, Castela e León, A Rioxa ou Euskadi. Ningún destes seis últimos baixa de 30% do orzamento estatal xa investido.

293 millóns dun total de 1.033 millóns

Na Galiza executáronse menos de 300 millóns de euros —en concreto, 293 millóns— dos 1.033 millóns que o Estado comprometeu para 2022. O investimento per cápita na Galiza neste período foi, pois, de 108 euros por habitante. Unha repartición que, tamén, fica por baixo da dos territorios como Castela e León (128 euros por habitante), Aragón (125) ou Estremadura (121 euros per cápita), entre outras. Un dos campos onde menor foi a porcentaxe de gasto neste primeiro semestre na Galiza foi en materia ferroviaria, onde se situou por baixo de 20%, en 19%.

Esta baixa execución, porén, non é de sorprender á vista de que Renfe e Adif recoñecen que executarán este ano só 42% do investimento orzado para a Galiza. Pola contra, en territorios como Madrid (103%) ou A Rioxa (138%) esas previsións son que se invista máis do que estaba orzado inicialmente nas contas xerais do Estado.

O Informe da Distribución territorial do investimento do Sector Público Estatal que elabora anualmente o Ministerio de Facenda sinala que no que respecta a 2021, tanto Adif como Renfe incumpriron. Dos 146 millóns de euros previstos pola primeira para a Galiza só se executaron 51 millóns (34%); mentres que dos 22,5 millóns que Renfe ía investir, finalmente só o fixo con 9,8 millóns (43%).

Unha constante

O economista Xosé Díaz, no estudo A execución dos investimentos na Galiza, analiza como o Estado deixou de investir na Galiza, entre 2015 e 2021, 2.823 millóns de euros. Este baixo grao de execución contrasta coas cifras referidas a Madrid, onde o investimento final supera, tradicionalmente, o previsto. Sen ir máis lonxe, en 2021, o Sector Público Empresarial e a Administración do Estado prevían un investimento en Madrid de 961 millóns de euros, acadando, finalmente, 1.643 millóns.

"Abuso" de gasto imprevisto nas contas da Xunta

A Xunta da Galiza pon os informes do Consello de Contas como exemplo do seu grao de cumprimento e execución dos orzamentos. No de 2021, sinalara o Goberno galego, fora de 95%, se ben o que ficaba sen executar (por volta de 150 millóns de euros) correspondía a unha partida tan importante como a da Consellaría de Traballo.

Porén, o organismo fiscalizador deu nestes anos varios "toques" de atención ao Executivo galego, afeando á Xunta da Galiza o uso "inadecuado" dos presupostos. Criticaba, así, que "de forma sistemática" transferise créditos imprevistos a outros gastos “eludindo os límites fixados normativamente”, ou que “persistise no uso inadecuado” do programa orzamentario de imprevistos malia ser os gatos citados, "previsíbeis".

Comentarios