18-F

Besteiro apela ao electorado indeciso: "Se se mobiliza o voto socialista haberá cambio”

“Eu tamén me vexo presidente”

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón gómez Besteiro, esta segunda feira, en Celeiro, Burela (A Mariña). (Foto: Nós Diario)
photo_camera O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón gómez Besteiro, esta segunda feira, en Celeiro, Burela (A Mariña). (Foto: Nós Diario)

O aspirante socialista a liderar San Caetano, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou esta segunda feira, último día de publicación de enquisas, que "aínda non hai votos nas urnas" e apelou ás persoas indecisas.En declaracións aos medios tras participar nun acto sobre sanidade en Burela (A Mariña) e preguntado polas que prognostican un descenso do apoio ao PSdeG, Besteiro subliñou que a enquisa definitiva é a do 18 de febreiro e incidiu en que "aínda non hai votos nas urnas".

Besteiro subliñou que esta semana é "crucial" e apelou ao votante que nas eleccións xerais do pasado 23 de xullo apoiou o PSOE e "freou a mentira" do PP que, segundo indicou, "agora volve aparecer no escenario electoral".Para Besteiro, se o vindeiro domingo se mobiliza ese voto socialista "haberá cambio e cambio socialista na Galiza". "Por tanto, as urnas vanse encher o próximo 18 de febreiro con máis participación e con máis xente que pense nun futuro mellor e, sobre todo, que free esas mentiras do PP", dixo.

Preguntado especificamente sobre a baixada do apoio ao PSOE que prognostican estas sondaxes, Besteiro dixo que o CIS sinala que un de cada catro galegos aínda non decidiu o seu voto e que entre un 10 e un 15% decidirano o mesmo día da votación. "Esa xente é á que me dirixido, para que decida o seu voto nesa dirección", dixo para incidir en que eles posibilitarán o cambio para facer unha Galiza "máis solvente e con mellor futuro".

Ademais, sostivo que o CIS confirma que "o cambio é posíbel", que se "está instalando na Galiza" e que se pode "conformar o 18-F cunha maioría progresista", que é a observada en procesos electorais anteriores como o 23-X.

O PP estivo meses "mentindo á cara" dos seus votantes coa amnistía

O candidato socialista afirmou que o Partido Popular estivo meses "mentindo á cara" dos seus votantes coa súa postura sobre a amnistía.

"Eu se fose un votante do Partido Popular estaría indignado", manifestou en declaracións aos medios despois de que varios medios publicaran a última hora do sábado que o líder o PP, Alberto Núñez Feixoo, estaría aberto a un indulto a Puigdemont condicionado a que sexa xulgado e que rexeite a vía unilateral, e de que, instantes despois o PP matizase que, as súas condicións "non se deron cos indultos do procés".

Respecto diso, en declaracións aos medios en Burela, Besteiro incidiu en que se el fose votante da dereita "estaría tremendamente enfadado". "Estiveron a mentirlles á cara durante estes últimos meses", dixo para reprochar aos populares as súas "críticas desenfreadas ao Goberno" español, con "manifestacións e crispación".

Todo iso, indicou, "para nada", "para decatarse agora de que eles estaban a pensar en dar a amnistía a Puigdemont", censurou para criticar a "pantomima" do PP.

"Onde está a moralidade do Partido Popular? Onde está ese Partido Popular que durante tres ou catro meses estivo a acusar ao Goberno do Partido Socialista de romper España e discutir un proceso?", apuntou para lamentar que se trate de "outra mentira máis de Feixoo e de Rueda".

"Eu tamén me vexo presidente"

Besteiro asegurou que lle parece "ben" que a líder do Bloque, Ana Pontón, presentara este luns as liñas mestras do seu Goberno ao asegurar que el mesmo "tamén" se ve "presidente".

"Paréceme moi ben, eu tamén me vexo presidente", sostivo en declaracións aos medios este luns en Burela, onde tivo unha reunión con colectivos sanitarios da Mariña. Na súa intervención, Besteiro asegurou que espera que despois do 18 de febreiro a mobilización lle permita chegar á Presidencia da Xunta da Gailiza.

"E diríxome aos galegos para que aposten por este proxecto ilusionante do Partido Socialista, sobre todo polos equipos do PSOE e pola conexión do Partido Socialista co Goberno de Madrid", afirmou para sinalar que iso permitirá "solucionar moitos dos problemas" que hai na Galiza nos próximos anos.

Comentarios