18-F | Reportaxe multimedia

A mocidade, motor de cambio para o 18-F: como ven as mozas e mozos as eleccións?

79.072 mozos e mozas poderán votar este domingo 18 de febreiro por primeira vez para elixir as e os seus representantes no Parlamento da Galiza. O último estudo do CIS indica que é entre a faixa de idade de 18 a 24 anos onde máis apoio hai para un cambio electoral.

Un mozo saíndo dun colexio electoral após depositar o seu voto nas eleccións estatais do pasado 23 de xullo. (Foto: Joaquín Corchero / Europa Press)
photo_camera Un mozo saíndo dun colexio electoral após depositar o seu voto nas eleccións estatais do pasado 23 de xullo. (Foto: Joaquín Corchero / Europa Press)

Un total de 2.693.624 persoas están chamadas a votar nas eleccións galegas do 18 de febreiro, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Son case 4.000 menos que nos anteriores comicios ao Parlamento da Galiza, os de xullo do 2020. Entre eses case 2,7 millóns de persoas con dereito a voto hai 79.072 que poderán participar por primeira vez nunhas eleccións galegas porque fixeron a maioría de idade (18 anos) nalgún momento do tempo transcorrido desde a cita anterior.

O estudio demoscópico do Centro de Investigación Sociolóxicas (CIS) publicado o pasado 5 de febreiro sobre as eleccións galegas contempla a desagregación por faixas de idade, o que permite coñecer as opcións, preferencias e escollas cara ao 18-F da mocidade de entre 18 e 24 anos. E os resultados son moi esclarecedores.

División sobre o interese da campaña

Un 50,7% dos mozos e mozas da Galiza afirman que están a seguir a presente campaña electoral con moito ou bastante interese, mentres que un 47,4% din que teñen “pouco” ou “ningún” interese nela. Á pregunta de que formación cren que está a facer unha campaña en base a asuntos de máis interese para a Galiza, 47% das mozas e mozos enquisados responderon que esa formación era o BNG, mentres que 19,2% dixo PP, 8,6% PSdeG e perto de 2% Sumar.

A mocidade galega decide o seu voto basicamente durante a última semana da campaña (30,2%), ou xa o ten decidido moito antes de que esta principie (29,3%). Hai un 18,2% de mozos e mozas entre 18 e 24 anos que, pola contra, toman esa decisión xa ao inicio da campaña.

E habida conta da relevancia do voto mozo para estes comicios, Nós Diario sae á rúa para dar voz a todas estas persoas que votarán o domingo por vez primeira e coñecer así cales son, para elas, os principais problemas e desafíos que afronta o país, se teñen decidido que papeleta elixirán —no caso de non optar pola abstención— ou como ven a campaña e as diferentes formacións políticas. A todas estas preguntas responden varias mozas e mozos nunha reportaxe audiovisual publicada no perfil da rede social TikTok de Nós Diario.

@nosdiario 🗳Habida conta da relevancia do voto mozo para estes comicios, #NósDiario sae á rúa para dar voz a todas estas persoas que votarán o domingo por vez primeira e coñecer así cales son, para elas, os principais problemas e desafíos que afronta o país, se teñen decidido que papeleta elixirán —no caso de non optar pola abstención— ou como ven a campaña e as diferentes formacións políticas. A todas estas preguntas responden varias mozas e mozos nesta reportaxe audiovisual de #NósDiario. 📝X. M. P. / Yuri Carrazoni Mier 📺Sara Pardo / Eva Cid Rivas 📲Toda a información das eleccións galegas do #18F ♬ sonido original - Nós Diario

O BNG, a opción preferida polos mozos e mozas

Entre os galegos e galegas que van votar por primeira vez o 18-F a papeleta do BNG é a máis escollida e con diferenza: un 46%. Entre eses 79.000 mozos e mozas un 46% afirman que votarán BNG, mentres que 30,5% apostan polo PP, 11,7% polo PSdeG e 2,5% de Sumar.

En canto á mocidade de entre 18 e 24 anos, a suma de voto e simpatía apunta a que votarían pola formación nacionalista 48%, mentres que polo PP sería 23,4%, polo PSdeG 11,2%, Sumar tería 2,1% dos apoios nesa faixa de idade e Vox, 4,9%.

O CIS tamén pregunta, independentemente de a quen voten os mozos e mozas o 18-F ou mesmo se non pensan votar, quen gostarían de que gañase as eleccións galegas. Un 47,7% responde que gostaría que o 18-F gañase o BNG, por un 21% que di PP, 16 puntos menos.

Nesta liña, á pregunta de quen prefiren que sexa presidente da Galiza, un 48,6% destes mozos e mozas responde que Ana Pontón. Pola súa parte, Alfonso Rueda é a preferencia de só 21,7% das persoas comprendidas dentro deste grupo de idade.

Outra das preguntas formuladas polo Centro de Investigacións Sociolóxicas é que formación política consideran que está máis próxima ás súas ideas. Tamén aquí é o BNG a opción máis escollida, con case 28%, seguida de PP, con 21,7% e PSdeG, con 20,5%.

Comentarios