18-F

Pontón revela o deseño do seu goberno: "equidade" de toda a cidadanía e dúas grandes áreas, económica e social

O "rescate" da sanidade cun plan de 200 millóns para atención primaria, a gratuidade dos libros de texto e o incremento da axuda no fogar serían as súas primeiras medidas como presidenta.
Ana Pontón, hoxe, en rolda de prensa en Santiago. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, hoxe, en rolda de prensa en Santiago. (Foto: Europa Press)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, quixo desvelar esta segunda feira na recta final da carreira cara ás urnas para o 18 de febreiro o deseño do seu goberno se recibe a confianza dos galegos e galegas nas urnas. Así, unha das liñas que seguirá no seu executivo será a "equidade" de toda a cidadanía, de maneira que tamén todos os concellos serán tratados "por igual", independentemente das "siglas" do goberno que os dirixa.

"A primeira decisión é que os galegos decidan se queren un presidente que se apellide Rueda ou unha presidenta que se apelide Pontón", proclamou a líder do Bloque, tras ser preguntada se xa ten previsto nomes para ese eventual goberno. O que concretou é que o Executivo estará dividido en dúas grandes áreas —unha económica e outra social—, que se reunirán mensualmente —ademais do Consello da Xunta de forma semanal— e que velarán polo cumprimento e execución das medidas para implantar.

Ademais, neste deseño do goberno, Pontón confirmou que, como xa avanzara no debate da CRTVG, a súa intención é asumir en primeira persoa as competencias de igualdade, porque, sostivo, é unha área "transversal" que ela mesma pretende liderar.

Sobre as primeiras medidas que aprobaría o seu goberno, Pontón ratificou que ao primeiro Consello levarán "moitas" cuestións, pero situou varias prioridades: "rescate" da sanidade cun plan de 200 millóns para atención primaria, a gratuidade dos libros de texto e o incremento da axuda no fogar.
[EN AMPLIACIÓN]

Comentarios