18-F

Desconcerto e temor no PP tras pór 'Xénova' o foco no indulto a Puigdemont a unha semana das eleccións galegas

"Eu non o entendín. Estamos a metade de campaña", afirma un veterano dirixente do partido, mentres un senador di estar "alucinado e sorprendido" por axitar o panorama político coas consecuencias que podería ter para o PP de cara ao 18-F.
Paula Prado, Alberto Núñez Feixoo, Alfonso Rueda, Mariano Raxoi e Diego Calvo, no acto central da campaña do PP na praza de touros de Pontevedra, o pasado 3 de febreiro. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Paula Prado, Alberto Núñez Feixoo, Alfonso Rueda, Mariano Raxoi e Diego Calvo, no acto central da campaña do PP na praza de touros de Pontevedra, o pasado 3 de febreiro. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

Varios cargos do PP consultados pola axencia Europa Press coincidiron este domingo en expresar o seu desconcerto e incredulidade ante o feito que a dirección estatal do PP estea "enredada" co indulto ao ex president catalán Carles Puigdemont en plena campaña galega. De feito, algúns temen que este "erro" poida ter consecuencias na estratexia do candidato popular, Alfonso Rueda, para revalidar a Xunta da Galiza por quinta lexislatura consecutiva.

"Estas cousas sería mellor que non ocorresen", sinalou un cargo territorial do PP. "Eu non o entendín. Estamos a metade de campaña", asegura outro veterano dirixente do partido. "Está claro que é mellor falar de Marlaska e do campo", subliña un deputado estatal. "Estou alucinado e sorprendido", resume tamén un senador.

Son algúns dos comentarios que expresaron en privado dirixentes do PP e que resumen a "perplexidade" que este domingo percorreu as filas do PP ante as informacións recollidas por varios medios de comunicación acerca de que, segundo fontes do partido conservador, Feixoo estaría aberto a aprobar un indulto a Puigdemont condicionado a que sexa xulgado e a que rexeite a vía unilateral. Segundo as mesmas fontes, o partido estudaría o encaixe dunha posíbel amnistía durante as negociacións para a investidura de Feixoo que, con todo, descartaría logo "en 24 horas".

"Sigo dicindo que non"

Feixoo tentou este domingo resolver a crise aberta sobre o posíbel indulto a Puigdemont mediante unhas declaracións aos medios en Ferrol. "Vou ser o suficientemente contundente: eu dixen que non, dixen que non e sigo dicindo que non a calquera amnistía". En canto aos indultos, Feixoo subliñou que "non se dá nin unha soa das condicións" para indultar os líderes do 'procés', en liña co comunicado difundido na noite deste sábado polo seu partido, á vez que acusou o Goberno de Pedro Sánchez de querer "enlamar a campaña" das eleccións galegas.

Varios dos cargos do PP consultados non entenden que a dirección do partido situase no epicentro do debate o posíbel perdón a Puigdemont e que admita en privado que ve dificultades para que se probe que o ex presidente catalán cometeu terrorismo porque, segundo alegan, é botar por terra as teses que publicamente leva defendendo Feixoo nas últimas semanas.

De feito, o desconcerto provocado por esas informacións que suporían un xiro na posición do Partido Popular provocou que algúns dirixentes do partido chegasen a preguntarse se todo era "un fake". "Mal explicado e mal interpretado", opina un dirixente que reparte culpas e lembra que a amnistía "estaba estudada de antes e non era constitucional".

"Falar con Junts foi un erro"

Outras fontes do PP sinalaron que ao ver os titulares pensaron que todo era unha explosión controlada da información por parte da cúpula do PP ante a posibilidade de que Puigdemont os teña "pillados", en alusión ás conversacións que se produciron durante o verán para a constitución da Mesa do Congreso e a posterior investidura de Feixoo. 'Xénova' rexeitou hai uns meses que se producise unha negociación con Junts e recalcou que só houbo "un café entre concelleiros". "O que está claro é que falar con Junts foi un erro de libro", sostén un deputado estatal do PP.

Esta polémica sobre o indulto a Puigdemont prodúcese pouco despois de que o ex presidente catalán dixese hai uns días que "todo se saberá" e que se Junts fixese presidente a Feixoo "todo isto non pasaría", no medio da investigación aberta por un posible delito de terrorismo no caso 'Tsumami Democràtic'.

Na recta final da campaña

Nas filas do PP non ocultan a súa inquietude por ver que percorrido terá esta polémica nesta última semana de campaña electoral na Galiza, onde a maioría das enquisas coinciden en que Alfonso Rueda revalidará a maioría absoluta. Algunhas das fontes consultadas consideran que este "erro" podería afectar a campaña de Rueda, sobre todo despois de ver como o Goberno e Vox non desaproveitaron a oportunidade de atacar o PP e botar máis leña ao lume.

Así, varios ministros socialistas lanzáronse contra Feixoo este domingo e preguntáronse se o PP pedirá perdón por "as barbaridades" que lles dixeron sobre a amnistía. "Sabiamos que o tempo nos acabaría dando a razón. O que non sabiamos era que Feijóo ía recoñecer tan pronto", exclamou o ministro de Transporte, Óscar Puente. Pola súa parte, o presidente de Vox, Santiago Abascal, falou de "grande estafa política". "É dunha gravidade extrema", aseverou desde Carballo, onde acusou o PP de "entrar no marco político de Sánchez" ao deslizar a posibilidade de "ofrecer impunidade" aos "golpistas".

Comentarios