18-F

As chaves do CIS: Pontón, a candidata mellor valorada e o BNG, a opción preferida das persoas de entre 18 e 44 anos

O último barómetro do CIS antes das eleccións sitúa en 23,7% as persoas indecisas, case unha de cada catro votantes.
A candidata do BNG, Ana Pontón, hoxe, nun encontro coa prensa en Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera A candidata do BNG, Ana Pontón, hoxe, nun encontro coa prensa en Santiago. (Foto: Arxina)

Para as persoas enquisadas no derradeiro barómetro do CIS para Galiza antes das eleccións deste domingo 18 de febreiro, Ana Pontón é a candidata mellor valorada cunha nota de 5,89, seguida de Alfonso Rueda, cun 5,29, seis décimas menos. Xa por baixo do aprobado, o socialista José Ramón Gómez Besteiro obtén un 4,85; Marta Lois (Sumar), un 4,6; Pachi Vázquez (Espazo Común), un 3,58; Isabel Faraldo (Podemos), un 3,33, e Armando Oxea (Democracia Ourensá) e Álvaro Díaz-Mella (Vox) un 2,76 cada un.

Entre as preferencias para asumir as rendas do Goberno galego, o actual presidente Alfonso Rueda é o idóneo para o 35%, apenas catro décimas por diante de Ana Pontón (34,6%), mentres que Besteiro é o mellor presidente para o 11,4% do electorado e Marta Lois, para o 1,2%. Tamén se inclúe entre as opcións o líder estatal do PP e ex mandatario galego, Alberto Núñez Feixoo, ao que sinalan como preferido o 1,6% das persoas enquisadas.

Ademais, case o 80% (79,7%) asegura que acudirá "con toda seguridade" a votar o vindeiro domingo para depositar unha papeleta que o 56,3% ten decidida "moito antes" do inicio da campaña e o 17% elixe durante a mesma xornada electoral. Con todo, case un de cada catro galegos e galegas sitúase entre os indecisos (23,7%), mentres que o 73,7% di saber xa a quen vai votar.

Más dun terzo das persoas enquisadas (34,2%) considera que é o BNG quen está a expor durante esta campaña os asuntos de "máis interese" para Galiza, algo que o 29,3% cre que está a ser o PP. O Bloque tamén se sitúa por diante en percepción sobre asuntos de relevancia persoal postos sobre a mesa na campaña, aínda que, neste caso, o PP está a menor distancia —27,4% para nacionalistas e 27% para populares—.

A mocidade vira cara á esquerda

No que atinxe á estimación de voto —intención directa de voto máis simpatía—, a mocidade parece decantarse polas opcións da esquerda de cara a estas eleccións. Así, segundo este último barómetro do CIS, o BNG sería a forza máis votada entre as persoas de 18 a 44 anos, destacando sobre todo entre o sector máis novo —de 18 a 24—, as persoas que votarán por vez primeira ou que será a segunda ocasión na que depositarán a súa papeleta nuns comicios galegos, con até 44,7% dos sufraxios, case o dobre que o PP (25,3%), mentres o PSdeG é terceiro co 13%, seguido de Vox (3,7%), que obtén nesta faixa de idade, curiosamente, o mellor resultado; Sumar (2,9%), Democracia Ourensá (0,9%) e Podemos (0,4%).

Comentarios