18-F

O derradeiro barómetro do CIS dispara o BNG e prognostica un cambio de goberno na Xunta

O PP caería máis de cinco puntos fronte a un BNG á alza que lograría o 33,4% dos votos. Ana Pontón (BNG), é a líder que mellor nota recibe. Por debaixo sitúase Alfonso Rueda (PP). Só a nacionalista e o popular superan o 5. Todos os demais suspenden. As eleccións vólvense máis emocionantes cun empate Pontón-Rueda á pregunta de a quen se prefire na Presidencia da Galiza. Sobre que candidata ou candidato se preocupa máis polos problemas da Galiza gaña Ana Pontón, seguida de Alfonso Rueda e moi por baixo aparecen Gómez Besteiro e Marta Lois.
Estimación de voto do barómetro do CIS do 12 de febreiro con Alfonso Rueda de fondo. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Estimación de voto do barómetro do CIS do 12 de febreiro con Alfonso Rueda de fondo. (Foto: Agostime / Europa Press)

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publica esta segunda feira, 12 de febreiro, o seu último barómetro electoral de cara ás eleccións ao Parlamento da Galiza deste domingo, día 18, e prognostica novamente un cambio de goberno na Xunta. Así, o Partido Popular, con base nesta enquisa, caería máis de cinco puntos a respecto dos comicios de 2020, ficando cun 42,2% que se traducirían nun mínimo de 34 escanos e un máximo de 38.

Pola súa parte, o BNG dispararíase até 33,4% en estimación de voto e obtería de 24 a 31 asentos na Cámara galega, abrindo así a porta a un Executivo liderado pola nacionalista Ana Pontón. E o PSdeG sería terceira forza con 18,1% das papeletas e entre 9 e 14 deputados e deputadas.

Con 2,8% dos sufraxios totais na Galiza, non estaría garantida a presenza no Parlamento de Sumar, que lograría entre 0 e 2 escanos, así como de Vox, a quen dá un 2,4% e a posibilidade de obter unha acta, e Democracia Ourensá, con 0,5% dos votos totais e entre 0 e 1 escano.

Á pregunta de “decidiu xa que partido político ou coalición vai votar?" 73,7% xa o decidiu, mentres que 23,7 aínda dubida. Non votará 2,1, mentres que 0,3 non sabe e 0,2 prefire non responder.

Preguntadas por que formación política lle gustaría que gañase, independentemente de a quen voten, o PP é a opción preferida de 35,7% das persoas enquisadas, polo BNG decántase 30,2%, seguido do PSdeG con 14,9%, Sumar Galicia con 2,5%, Vox con 1,9% e “outro partido” con 1,2%.

Ana Pontón, a líder máis valorada

A candidata do BNG, Ana Pontón, é a líder que mellor nota recibe, un 5,89 (valoración e coñecemento). Por debaixo dela sitúase o popular Alfonso Rueda con 5,29. Son os únicos que aproban. O socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro suspende con 4,85, ao igual que Marta Lois (Sumar), con 4,06. A candidata de Podemos, Isabel Faraldo, recibe un 3,33, seguida de Pachi Vázquez (Espazo Común Galeguista) con 3,58. Armando Oxea (Democracia Ourensá) suspende tamén con 2,90. O peor valorado é o candidato de Vox, Álvaro Díaz-Mella López, que recibe un 2,76.

Empate Rueda-Pontón

“A quen preferiría que fose o presidente ou presidenta da Xunta de Galiza nestes momentos?”, pregunta o CIS: A resposta está moi igualada: 35% prefire Alfonso Rueda e 34,6% Ana Pontón. Xosé Ramón Gómez Besteiro queda cun 11,4%, seguido de Alberto Núñez Feixoo (1,6%), Marta Lois (1,2%).

Sobre que candidata ou candidato se preocupa máis polos problemas da Galiza gaña Ana Pontón (39,4%), seguida de Alfonso Rueda (30,7%) e moi por baixo aparece Xosé Ramón Gómez Besteiro (5,5%) e Marta Lois (1,1%).

“Que partido ou coalición está a expor nesta campaña asuntos de máis interese para Galiza?”, pregunta o CIS. O BNG aparece de primeiro (34,2%), logo o PP (29,3%), o PSdeG (8,1%) e Sumar Galicia (1,8%).

E preguntadas sobre que partido ou coalición está a expor asuntos do seu interese persoal, o BNG volve aparecer primeiro (27,4%), despois o PP (27,0%), PSdeG (10,8%) e Sumar Galicia (3,8%).

A mostra do CIS ten un tamaño de 4.000 entrevistas (1.200 nas circunscricións da Coruña e Pontevedra e 800 entrevistas nas de Ourense e Lugo, 285 municipios) realizadas entre o 5 e o 7 de febreiro.

Comentarios