Eleccións Municipais

Até cando podo solicitar o voto por correo?

A obtención do certificado pode solicitarse en calquera oficina de Correos do Estado no seu horario habitual ou por Internet a través da súa web.
Papeletas electorais nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Papeletas electorais nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).

A quinta feira 18 de maio finaliza o prazo para solicitar o voto por correo para as eleccións municipais e autonómicas do 28 de maio (28-M) que debuxarán un novo mapa electoral na Galiza, contando até o 24 de maio para depositar o sobre co seu voto nos horarios habituais de apertura das oficinas postais.

A obtención do certificado pode solicitarse en calquera oficina de Correos do Estado no seu horario habitual ou por Internet a través da súa web. Os que decidan apostar por este último modelo deben acreditar a súa identidade mediante firma electrónica, aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persoa emitidos por Fábrica de Moeda e Timbre e o DI electrónico.

Os electores que decidan acudir ás urnas de maneira telemática poden solicitar até o 18 de maio (inclusive) o certificado da súa inscrición no censo electoral para poder emitir o seu voto nos comicios que designarán aos alcaldes dos 313 concellos galegos.

Unha vez solicitado o voto, a Oficina do Censo Electoral ten de prazo até o 21 de maio para enviar a documentación necesaria para emitir o voto, entre as que se atopan as papeletas dos partidos ou a inscrición no censo. A entrega dos documentos realizarase sempre persoalmente á persoa interesada e no domicilio sinalado na solicitude.

Os repartidores de correos tentarán un máximo de dúas veces entregar no domicilio da persoa solicitante a documentación. Tras iso, deixarán un aviso de chegada para a súa recollida na oficina postal correspondente.

Depósito de voto

As persoas que soliciten o voto deberán presentar como moi tarde o 24 de maio (inclusive) o sobre -cuxo remitente é a mesa electoral- contendo o certificado de inscrición no censo electoral e o da votación, no cal se incluirá a papeleta, en calquera oficina postal do Estado. O envío será cursado como correo certificado e urxente, con carácter gratuíto.

O servizo de Correos conservará até o día das eleccións toda a correspondencia dirixida ás mesas electorais e trasladaraa ás mesmas desde as 9 até as 20 horas. Terminada a votación, a mesa depositará os votos na urna e posteriormente realízase o escrutinio.

Quen decida votar por correo non pode despois facelo de maneira presencial na mesa electoral o día das eleccións, xa que os presidentes das mesas electorais contarán cun rexistro no que figure o nome e o DI dos que xa exerceron o seu dereito ao voto.

Comentarios