Eleccións Municipais

Cando saberei se me tocou nunha mesa electoral e canto cobrarei se me toca?

No sorteo entraron todas as persoas censadas na sección electoral correspondente que teñan menos de 70 anos e saiban ler e escribir.
Unha mesa electoral nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera Unha mesa electoral nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

Esta cuarta feira terminan nos distintos concellos do país os sorteos para designar as persoas que farán parte das mesas electorais para os comicios municipais do próximo 28 de maio.

As persoas designadas recibirán unha comunicación nos tres días seguintes ao sorteo -xunto a un manual de instrucións sobre o traballo que terán que desempeñar-, aínda que se se produce máis tarde, o atraso non será causa invalidante da designación.

Cada mesa electoral está composta por un presidente e dous vogais, pero non só se elixen tres persoas por mesa, senón a nove en total, xa que tamén se designan dous suplentes por posto.

Segundo a lexislación, a partir de recibir a notificación, as persoas elixidas terán sete días para presentar alegacións ante as Xuntas Electorais de Zona no caso de que o 28 de maio non poidan por algún motivo xustificábel ser parte dunha mesa.

O nomeamento dos integrantes da mesa electoral é competencia de cada Concello, e elíxense mediante sorteo público utilizando calquera procedemento aleatorio ou mecanismo ao azar. A tarefa está asignada ao Pleno da corporación, pero non hai obxección para que o sorteo poida realizarse ante a Xunta de Goberno Local, no caso de que se lle delegase a competencia.

Quen non entra no sorteo?

No sorteo entraron todas as persoas censadas na sección electoral correspondente que teñan menos de 70 anos e saiban ler e escribir.

Non formaron parte do sorteo as persoas que alcancen a maioría de idade no prazo comprendido entre a formación das listas de votantes e a votación. Tampouco poderán formar parte das mesas quen sexa candidatos nas eleccións.

O presidente ou presidenta deberá ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao ou, subsidiariamente, o de Graduado Escolar ou equivalente.

Obrigas

Os cargos das persoas que integran as mesas electorais son obrigatorios, incluíndo os suplentes, aínda que hai unha serie de motivos polos que a persoa designada pode presentar ‘baixa’ ante a Xunta Electoral de Zona, que debe dar o seu visto e prace.

Os membros das mesas, titulares e suplentes, deberán presentarse nos colexios electorais antes do inicio da xornada electoral e os tres que queden cobrarán unha dieta de 70 euros polo seu labor de dirixir a votación e realizar o reconto das papeletas.

A designación como persoa elixida para formar parte da mesa para un proceso electoral non supón a continuidade para o seguinte, aínda que nada impide que, en virtude do sorteo, poida ser elixida de novo en procesos consecutivos.

Comentarios