Apelan a recuperar os valores de Reboiras no 47 aniversario do seu asasinato

A memoria de Moncho Reboiras segue máis viva do que nunca. Así se evidenciou esta sexta feira con diversos actos de homenaxe en Dodro, Ferrol e Fene para lembrar o que foi un dos últimos asasinados políticos pola ditadura franquista. Na fin de semana tamén haberá varios actos de lembranza da súa figura.
Iria Carreira, Néstor Rego, Montse Prado, Rubén Cela e Bieito Lobeira, da dirección política da UPG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Iria Carreira, Néstor Rego, Montse Prado, Rubén Cela e Bieito Lobeira, da dirección política da UPG (Foto: Nós Diario).

"Xuntámonos aquí, neste Ferrol galego e proletario, para render tributo a quen tanto debemos como partido, como movemento nacionalista e como país. Congregámonos para lembrar o camarada que nesta cidade camiñou por rúas clandestinas e na cal, infelizmente, caeu en combate, asasinado pola policía española naquel xa lonxincuo agosto de 1975", así comezou Néstor Rego o seu discurso no acto de tributo a Xosé Ramón 'Moncho' Reboiras Noia que o partido do cal é secretario xeral, a Unión do Povo Galego (UPG), vén levando a cabo desde hai xa 47 anos. 

Ademais de Rego, no acto tamén interviñeron Manuel Polo, secretario de zona da UPG e concelleiro do BNG en Fene e Iria Carreira, secretaria xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG) e deputada no Parlamento Galego.

O papel de Reboiras no relativo á formación dun sindicalismo nacionalista forte na Galiza centrou boa parte do discurso de Rego, máis en tempo de grandes dificultades como os que se vivían na fin da ditadura. "Sabemos do papel crucial de Reboiras nese proceso de clarificación política e ideolóxica e de organización da clase traballadora da nosa nación en tempos de grandes dificultades. O que hoxe é o sindicalismo nacionalista galego debémolo a persoas como Reboiras e á clarividencia e acertada análise do noso partido sobre a necesidade de incorporar os traballadores e traballadoras á causa da liberación nacional do noso país", salientaba Rego ao tempo que tiña unhas palabras para outros "mártires".

O que hoxe é o sindicalismo nacionalista galego debémolo a persoas como Reboiras

"Nesta cidade que viu camiñar e caer Reboiras en horas clandestinas, honramos os nosos heroes e os nosos mártires: Bautista Álvarez; Castelao; Alexandre Bóveda, asasinado; Ánxel Casal, asasinado; Amador e Daniel, asasinados; Moncho Reboiras, asasinado. E con eles todas e todos os que entregaron a súa vida a esta nobre causa. Elas son, eles son, semente de vencer, as bandeiras da nosa redención que marcan o camiño que inexorabelmente conduce á independencia nacional", exclamaba o secretario xeral da UPG e deputado do BNG no Congreso en Madrid. 

Para alén diso, Rego tamén se referiu no seu discurso a diferentes problemáticas que se veñen dando na actualidade como a inflación, indicando que "estamos vivindo unha escalada descontrolada de prezos que está a provocar o empobrecemento das clases populares e fronte á que o Goberno español se nega a adoptar medidas estruturais porque significaría tocar fortes e poderosos intereses económicos, cousa que non están dispostos a facer".

Rego proseguiu asegurando que "só a forte presión social os levou a anunciar medidas como impostos ás enerxéticas ou á banca, mais que xa limitan no tempo e no alcance aos 'lucros extraordinarios', sen precisar como é que realmente se van calcular".

Ofrenda floral

Antes do acto central de homenaxe, a UPG realizou, como tamén vén sendo habitual, unha ofrenda floral a Reboiras no cemiterio de Imo, lugar en que naceu Reboiras, no concello de Dodro. Despois da ofrenda floral, na localidade de Fene houbo un xantar popular que foi seguido por unha conferencia de Duarte Correa titulada "Novos desafíos no marco internacional".

Pola súa parte, o Movemento Arredista tamén levou a cabo un acto de conmemoración da figura de Reboiras baixo o lema "Co exemplo de Reboiras: Militancia, solidariedade e compromiso". Tivo lugar tamén no cemiterio de Imo e foi un acto no cal houbo sitio para a música, para a poesía e para as intervencións políticas.

"47 anos despois do seu asasinato a mans da policía española, o Movemento Arredista reivindica que os valores que representa Reboiras son hoxe máis necesarios que nunca, pois son os que alicerzan calquera proceso de transformación social", manifestaron desde o Movemento Arredista.

Actos da fin de semana

Os actos en homenaxe a Reboiras terán continuidade o 13 de agosto na praza do Mercado no barrio vigués de Teis e o domingo 14 de agosto ás 21 horas en Dodro, cunha palestra organizada polo BNG da localidade.

Comentarios