Entrevista

Ana Pontón: "Imos deixarnos a pel para que en 2024 haxa un cambio político"

Ana Pontón (Sarria, 1977) traballa para que na Galiza "se abra un novo ciclo" que, afirma, "permita" a este país desenvolver "sen ataduras" todas as súas potencialidades. Algo máis preciso que nunca, considera a portavoz nacional do BNG, nun contexto de crise ante o que o Goberno galego "está no pasotismo". 
20-07-2022 Ana pontón-13
photo_camera (Foto: Arxina)

—O BNG convoca á manifestación do Día da Patria Galega cun lema, ‘Gañarmos o futuro’, que soa a unha declaración de intencións. Que mensaxe quere trasladar neste 25 de Xullo?

O Día da Patria é un día de celebración, celebrar que somos unha nación, e tamén de reivindicación, reivindicar que a cidadanía galega ten que ter nas mans o seu futuro. Por iso chamamos a participar a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón e que queren unha saída xusta, social e galega a esta crise. Hai alternativas, nós cremos que baixo ningunha circunstancia podemos permitir que esta crise a paguen os de sempre. Esta crise non pode significar máis empobrecemento e máis centralismo.

—Que valoración fai o BNG deste curso político que vén de finalizar, marcado pola pandemia, a escalada de prezos ou a marcha de Núñez Feixoo e a chegada de Alfonso Rueda á Presidencia?

Vemos un Goberno galego que nin tan sequera se molesta en suar a camiseta da Galiza e en tomar medidas fronte á maior suba de prezos dos últimos 40 anos. Resúltame abraiante ver como están cruzados de brazos cando hai miles de galegos e galegas que sofren para chegar a fin de mes. Hai dous problemas: un Goberno gris, sen perfil, cun presidente que chegou de maneira accidental e está a se transformar nun presidente insubstancial; e un Goberno que é tan submiso aos intereses do PP español que cre que canto peor para os galegos e galegas, mellor para os intereses electorais do PP. 

—Na última sesión de control ao presidente no Parlamento reiterou esa acusación a Alfonso Rueda, que se abonaba ao “canto peor, mellor”. Por que?

O PP galego é unha terminal do PP en Madrid cada vez máis submisa e está nesa estratexia. Iso é moi grave, o país precisa medidas. Nós sabemos que o Goberno galego non ten todas as competencias na súa man, por iso reclamamos abrir un debate sobre como a Galiza pode ter máis poder político e capacidade de decidir. Mais as competencias que o Goberno galego ten non as está a usar para nada positivo. Podendo usar esas competencias para mellorar as pensións non contributivas, para aumentar a Risga ou para estabelecer axudas directas para vivenda a persoas con menos recursos; úsaas para aprobar unha Lei da Auga que vai subir as taxas aos galegos e galegas. Tampouco este Goberno actúa con altura de miras, no plano estrutural, o gran debate hoxe é que hai que pór a Galiza a producir.

—A que se refire?

Estamos ante unha crise que ten moitas dimensións. A Galiza ten fortalezas e poderíaas aproveitar en diferentes campos, por exemplo, hai que apostar por producir alimentos, por xerar no campo unha cadea campo-industria como hai na costa a do mar-industria. Mais temos un Goberno que non está nin se espera, está no pasotismo puro e duro e iso é moi preocupante.

—O Goberno galego responsabiliza o español desa parálise perante a crise e mesmo Alfonso Rueda insiste ultimamente nunha mensaxe de reivindicación de competencias como o litoral. Está a reeditar o ‘Galicia, Galicia, Galicia’ de Alberto Núñez Feixoo?

Eu creo que detrás desa reclamación de competencias sobre o litoral está protexer Ence. Non vexo desde logo unha aposta por un maior autogoberno por parte de Alfonso Rueda, que durante estes 13 anos foi responsábel da área de competencias e os seus resultados son cero transferencias. Hai competencias que se deberían tramitar xa e o PP está a pór paus nas rodas, como na AP-9 e isto é un síntoma claro de que o PP non cre no autogoberno, non cre na Galiza.

—Cal vai ser a folla de ruta do BNG para o curso político que arranca en setembro?

Imos centrarnos en dous grandes temas, as eleccións mais principalmente a crise. O primeiro é traballar en alternativas fronte á crise de prezos, e este é o gran debate que temos por diante, evitar o empobrecemento da sociedade galega, pór riba da mesa as propostas do BNG. Hai que saír desa política de que non se pode facer nada diferente, é mentira. Temos propostas, como no debate eléctrico. A Galiza ten que se beneficiar de ser produtora de enerxía, iso ten que redundar para ben tanto nas familias como no tecido económico. Ou as propostas en canto a financiamento, para que haxa unha redistribución xusta dos recursos. O actual sistema é centralista, discrimina Galiza. Nós queremos recadar aquí 100% dos nosos recursos.

—Avanza o BNG como referente para eses galegos e galegas que, sen ser nacionalistas, queren un cambio político?

Temos que esforzarnos para que haxa unha gran masa de galegos e galegas que queiran abrir un novo ciclo neste país e estamos nunhas condicións óptimas, nunca o nacionalismo estivo tan perto de ter a Presidencia da Xunta. Temos que dar o mellor de nós, desde a humildade, para conseguilo. O cambio de ciclo pasa polo BNG e é o momento de apostar polo cambio substancial que precisa a Galiza para saír deste proceso de empequecenemento que conduce o PP.

Comentarios