Moncho Reboiras xa ten unha rúa en Dodro: "Non esquecemos os bos e xenerosos que deron a vida pola liberdade"

O Goberno local inaugura a rúa que homenaxea o histórico activista político e sindical galego no día do 47º aniversario do seu asasinato a mans das autoridades franquistas.
Acto de inauguración da placa que dá nome á rúa Moncho Reboiras, en Dodro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de inauguración da placa que dá nome á rúa Moncho Reboiras, en Dodro. (Foto: Nós Diario)

Xosé Ramón 'Moncho' Reboiras Noia xa ten unha rúa co seu nome en Imo, no concello de Dodro. Esta sexta feira fai 47 anos o seu asasinato a mans da Policía franquista por mor do seu activismo político e sindical desde a clandestinidade, que o puxo no punto de mira do réxime ditatorial.

Ao acto, conducido por Xoán Bautista Mariño —portavoz local do BNG— e que decorreu diante da casa onde se velou o seu cadáver e desde onde o cadaleito partiu cara o cemiterio, asistiron representantes do Concello e familiares e achegados de Reboiras, entre eles o seu irmán Manuel, que ofreceu unhas palabras nesta emotiva homenaxe.

"Hoxe Pepe, que era como se lle coñecía aquí, tería 72 anos, un máis ca min, e estaría feliz non por ter unha placa co seu nome, senón por saber que un Goberno local progresista logrou porse de acordo e tomou a iniciativa para non esquecer aqueles homes e mulleres, bos e xenerosos, que deron a vida nesa longa noite de pedra de 40 anos de ditadura", apuntou.

Unha homenaxe, en definitiva, a quen loitaron "contra o medo e o terror do fascismo" para "defender a soberanía popular, a democracia e a liberdade", engadiu Manuel Reboiras.

Foi con todo, un acto "triste". "Sería mellor que estivese el aquí connosco comentando as súas andainas e gozando do que temos, outros 40 anos de democracia que nos permitiron chegar onde estamos", dixo o alcalde de Dodro, Xabier Castro.

Por iso, o rexedor chamou a "ser conscientes do que temos e cada día seguir loitando por isto", nun momento no que a situación política "non é nada boa". "Celebramos este acto que non tiña que ter pasado porque debemos seguir pelexando polo que temos e defendendo a liberdade", subliñou.

Actos de homenaxe

Ás 12 horas deste mediodía a Unión do Povo Galego (UPG) realiza unha ofrenda floral a Reboiras no cemiterio de Imo, e esta xornada reivindicativa prosegue en Fene ás 14 horas cun xantar popular e, cumpridas as 16.30 horas, cunha conferencia de Duarte Correa sobre 'Novos desafíos no marco internacional'.

Aliás, arredor das 19 horas decorrerá en Ferrol unha concentración na súa lembranza que rematará media hora despois coas intervencións políticas de Manuel Polo, secretario de zona da UPG e edil en Fene; Iria Carreira, deputada no Parlamento e secretaria xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG), e Néstor Rego, deputado no Congreso e secretario xeral da UPG.

Comentarios