Xoán Bautista Mariño: "Darlle a rúa a Reboiras é un exercicio de democracia"

Xoán Bautista Mariño é portavoz do BNG e terceiro tenente de alcalde do Concello do Dodro. Promotor da proposta destinada a outorgar o nome dunha rúa a Moncho Reboiras, explica os actos previstos para o día da súa inauguración, o 12 de agosto, coincidindo co 47 aniversario do asasinato do homenaxeado.
Xoán Bautista
photo_camera Xoán Bautista Mariño, tenente de alcalde de Dodro polo BNG. (Foto:Nós Diario).

Que actos teñen previsto desenvolver para inaugurar a rúa en Dodro en homenaxe a Xosé Ramón Reboiras?
O acto de inauguración da rúa dedicada a Moncho Reboiras vai ser ao mesmo tempo digno e humilde. Neste sentido, imos colocar tres placas na nova vía, até agora coñecida como Estrada de Imo, destacando a situada no muro da vivenda onde se velou a Reboiras e da que saíu o cadáver para ser enterrado naquela fatídica data de agosto.

A xornada vai estar animada por un grupo de gaiteiros que desenvolverán unha ruada pola vía dedicada a Moncho Reboiras, concluíndo o acto de lembranza coa intervención do irmán do asasinado, Manolo Reboiras; o alcalde de Dodro, Xavier Castro, e eu mesmo, na condición de membro do equipo de Goberno e autor da proposta no pleno da Corporación.

—Que significación ten para o Concello de Dodro esta acto de reparación e homenaxe do  seu veciño asasinado pola ditadura franquista?
Para min, persoalmente, é unha satisfacción enorme, polos anos de loita para reparar a figura de Reboiras. Nesta liña, o acto vén a ser un exercicio de democracia, que continúa co proceso de recuperación institucional da figura de Reboiras comezada en 2009, cando por xestión do entón deputado do BNG Francisco Rodríguez, foi recoñecido como vítima do franquismo. Precisamente, por tratarse dun exercicio de democracia é un exemplo da actuación do actual Goberno de Dodro.

A homenaxe a Reboiras non é nin máis nin menos que un acto de lembranza a un veciño de Dodro inxustamente perseguido e asasinado polos seus ideais democráticos, que é homenaxeado porque así o quixeron as veciñas e veciños deste concello que apoiaron co seu voto as forzas políticas que actualmente conforman o Goberno.

Nesta orientación, como voceiro municipal do BNG quero agradecer a xenerosidade das outras forzas que fan parte connosco do Goberno de Dodro, PSdeG e Unidade Veciñal, que apoiaron co seu voto dedicarlle unha rúa a Reboiras e que se van trasladar a Imo o 12 de agosto para lembralo.

—Que lembranza ficou na memoria da veciñanza de Dodro da persoa de Moncho Reboiras e das circunstancias da súa morte?
A lembranza non existiu no pobo, máis alá de pequenos círculos, durante bastantes anos. Eu lembro perfectamente o enterro de Reboiras, ao que acudín con cinco anos acompañando a miña avoa, e teño moi presente como a aldea apareceu tomada pola Policía e como os veciños acompañaron a señora Generosa e o señor José, os pais de Moncho. E tamén lembro o moito medo da veciñanza que acudiu ao enterro.

A esta desmemoria sobre Reboiras contribuíu que o Concello estivese gobernado durante décadas pola dereita. Só o nacionalismo, o BNG e a UPG, mantivo presente a súa memoria durante moitos anos, acudindo todos os anos a Imo para homenaxealo. Agora ben, algo está cambiando en Dodro nos últimos anos, como certifica o éxito de público do documental Reboiras. Acción e Corazón.

—A apertura dunha rúa dedicada a Reboiras representa un paso importante na reivindicación da súa figura. Teñen previsto darlle continuidade a esta política de recuperación da memoria histórica?
A idea do Goberno de Dodro é facer visíbel o que estivo agochado durante décadas, reivindicando a figura de xente que estivo represaliada pola ditadura franquista.

A loita de Moncho Reboiras

Xosé Ramón Reboiras Noia (Dodro 1950-Ferrol 1975) representa o esforzo dunha xeración por cambiar a sorte da Galiza na conxuntura concreta da ditadura franquista. Membro da segunda fornada de militantes da UPG integrados na loita nacionalista após 1968 e antes das grandes loitas de 1972, Reboiras participou na conformación das primeiras estruturas sindicais nacionalistas e no impulso ao movemento cultural galego. A loita de Reboiras explícase na dialéctica dun movemento, o nacionalismo, comprometido en dotar a Galiza de ferramentas que lle permitisen xogar un papel diferente no mundo e convencido de que as loitas dos pobos están por enriba das traxectorias persoais. O recoñecemento que lle fai Dodro a Reboiras non foi buscado polo protagonista, mais fai xustiza a unha persoa entregada ao país

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios