Orzamentos de 2023

A Xunta eleva a 592 millóns de euros o que deixará de ingresar polas rebaixas fiscais en 2023

O conselleiro Miguel Corgos entregou esta quinta feira o proxecto de Orzamentos no Parlamento galego.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, debullou as contas esta quinta feira en rolda de prensa. (Foto: Xoán Crespo)
photo_camera O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, debullou as contas esta quinta feira en rolda de prensa. (Foto: Xoán Crespo)

Os beneficios fiscais da Xunta da Galiza ascenden até 592 millóns de euros en 2023, o que supón un incremento de 13,4% a respecto do ano anterior, cando se situaron en 522. Esta é a cifra que as arcas públicas galegas deixarán de ingresar no vindeiro exercicio polas rebaixas e bonificacións adoptadas polo Executivo nos últimos anos.

Así o notificou esta quinta feira en rolda de prensa o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, logo de entregar o proxecto de contas públicas para o ano que vén ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

Segundo precisou, os 592 millóns en beneficios fiscais son 144 millóns máis que en 2020, o que representa unha alza de 32,2%, e 91% desas rebaixas teñen, segundo Corgos, "carácter social".

En comparanza con 2022 son 70 millóns máis en beneficios fiscais, dos cales 17 correspóndense con parte do impacto que ten a bonificación do imposto sobre patrimonio aprobada pola Xunta. "A do primeiro 25%, porque o segundo 25% impacta o ano que vén", explicou.

Tamén no ámbito fiscal, o conselleiro lembrou que as novas decisións do Goberno galego, entre as que se inclúe a deflactación con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro dos tres primeiros tramos do IRPF e a rebaixa do tramo máis baixo para rendas "máis modestas", suporán deixar 128 millóns de euros "nos petos dos cidadáns", tal e como destacara na terza feira o presidente, Alfonso Rueda.

Dentro deste modelo fiscal "propio e previsíbel", como o denomina a mesma Xunta, para o exercicio próximo equipáranse a efectos fiscais as familias con dous fillos ás numerosas, o que suporá unha dedución de 250 euros. Aliás, duplícase a dedución para as familias de tres fillos, co que alcanza os 500 euros.

Por outra parte, a preguntas dos xornalistas sobre o sistema de financiamento, o titular de Facenda viu "preciso" que se entre "a fondo" a "discutir sobre un novo modelo" de financiamento autonómico. "Non podemos estar ao azar dos calendarios políticos esperando reformas estruturais", subliñou, antes de insistir en que é necesario "darlle unha volta" ao sistema de financiamento, ao ser "insuficiente" e xerar "ineficiencias".

Comentarios