O BNG propón un plan de resposta á crise con 1.000 millóns de euros: estas son as seis chaves

"Rueda chegou á presidencia de maneira accidental e nestes 100 primeiros días está a demostrar que é un presidente insubstancial e incapaz", afirma Ana Pontón.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Ana Pontón expuxo nesta segunda feira o plan do BNG para unha saída "xusta" da crise. (Foto: César Arxina / Europa Press)
  1. Persoas vulnerábeis
  2. Sectores económicos estratéxicos
  3. Servizos públicos esenciais
  4. Transporte e mobilidade
  5. Investimentos
  6. Emerxencia social

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vén de presentar o plan de resposta á "maior crise de prezos en 40 anos" que defende a súa formación e que mobiliza 1.000 millóns de euros, a fin de suplir a "pasividade" dunha Xunta á que recrimina estar de "brazos cruzados". En rolda de prensa ao termo dunha reunión da Executiva nacional, Pontón advertiu da "difícil situación" para familias, autónomos e pequenas e medianas empresas, ante o que criticou que o presidente galego, Alfonso Rueda, "nin está nin se lle espera".

De feito, reprochoulle estar "moi preocupado pola súa imaxe persoal" e dar "moitos paseos en moto" mais sen ofrecer "solución ningunha". Fronte a isto, subliñou que "claro que se poden tomar medidas" e expuxo as chaves dun plan para lograr "unha saída xusta" a esta crise. É un documento que o Bloque xa rexistrou no Parlamento e que debaterá tamén con actores económicos e sociais para tratar de melloralo.

Coa idea de mobilizar 1.000 millóns de euros, nútrese de "medidas de choque, no curto prazo, destinadas ás rendas que peor o están a pasar" e tamén de "medidas de mudanzas estruturais" para "pór en marcha transformacións" e "aproveitar o potencial" do país.

Persoas vulnerábeis

O primeiro eixo, dotado dun fondo de 110 millóns de euros, consiste nun plan de rescate para persoas vulnerábeis e prevé, entre outras actuacións, un incremento en 100 euros do complemento galego para as pensións non contributivas e aumentar a renda de integración social (Risga) e as axudas para combater a pobreza enerxética. Tamén prevé este eixo afrontar gastos básicos relativos á vivenda e busca o mantemento da tarxeta básica, unha medida que o BNG cre "que hai que recuperar".

Sectores económicos estratéxicos

En segundo lugar, os nacionalistas propoñen 175 millóns de euros para apoiar sectores estratéxicos como o mar, o rural e a hostalaría con, por exemplo, "axudas directas que permitan paliar o impacto da suba de prezos" no sector primario. Tamén avoga, neste ámbito, por favorecer as compras centralizadas de insumos.

Servizos públicos esenciais

En terceiro termo, para o "reforzo" dos servizos públicos esenciais —sanidade, educación e coidados—, propoñen 325 millóns de euros, deles 200 para atención primaria, que "significarían que se empezaría a investir o mesmo que a media estatal" neste último apartado. "Implicarían" tamén "a contratación de 1.000 profesores máis" e a gratuidade de libros de texto e material escolar neste inicio de curso. "Sabemos que setembro é un mes moi duro e sería unha medida de xustiza social nun momento de moitas dificultades", subliñou Pontón.

Transporte e mobilidade

Un cuarto eixo dos deseñados polo Bloque mobilizaría 40 millóns para mobilidade: a gratuidade das autovías da Xunta, a bonificación do transporte público, unha tarifa plana para usuarios habituais e a gratuidade do autobús para estudantes, parados e persoas con ingresos de menos de 20.000 euros son algunhas das medidas que recolle.

Investimentos

O quinto consiste nun fondo extraordinario de investimentos e consta de 300 millóns para actuacións en enerxía, ámbito hidráulico e apoio ao acceso á vivenda.

Emerxencia social

En sexto lugar, o plan aposta en destinar 50 millóns para o apoio aos concellos e ao incremento de gastos básicos e en axudas de emerxencia social.

Pontón ve "unha Galiza máis empobrecida"

Cando comeza un novo curso político, Pontón resalta que dous aspectos "preocupan dunha forma moi especial" aos nacionalistas: a crise de prezos e a situación da sanidade pública, "que o PP está a deixar no chasis". "Os recortes do PP están a pór en risco a saúde dos galegos e esta é unha irresponsabilidade que non podemos consentir", alertou.

Desde o punto de vista económico, chamou a atención sobre que "hoxe os galegos son 11,5% máis pobres que hai un ano", pola inflación, e engadiu que na comparativa coa media estatal a Galiza sae "máis empobrecida" xa que rexistra "peores datos". É unha conxuntura "difícil", concluíu, porque "as políticas do PP están a causar unha desfeita social e económica".

"O Goberno do PP non está a dar ningunha resposta" e "deixa unha Galiza en peor situación que a que atopou", abundou, antes de censurar que "o señor Rueda chegou á presidencia de maneira accidental e nestes 100 primeiros días está a demostrar que é un presidente insubstancial e incapaz".

Por último, Pontón lamentou que a Xunta sexa "refén da estratexia estatal do PP", segundo a cal, "canto peor para os galegos, mellor irán aos intereses electorais do señor Feixoo". "É urxente un cambio de rumbo e que a Xunta se poña a traballar xa", precisou. Ante isto, incidiu en que o plan que propón o Bloque "ten que ter unha plasmación nos orzamentos de 2023" e en que se está "a tempo de evitar o que pasou en 2021", cando a Xunta, dixo, "deixou de executar máis de 1.000 millóns de euros".

Comentarios