Xustiza

As adxudicacións da Xunta a Monbus levan catro responsábeis de Educación ao xulgado

A vindeira segunda feira declaran varios responsábeis de Educación.

O conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez. (Foto: Europa Press)

A vindeira segunda feira varios responsábeis da Consellaría de Educación vinculados á adxudicación de diversos lotes de transporte escolar á empresa Monbus deberán prestar declaración nos xulgados de Santiago de Compostela. Segundo puido saber Nós Diario a través de fontes coñecedoras do procedemento, están chamados a testemuñar nesta primeira xornada catro funcionarios do departamento, prevéndose novas declaracións ao longo da vindeira semana.

A cita de 25 de setembro abre unha nova fase no procedemento xudicial contra a Xunta da Galiza e o grupo Monbus. Se nos meses pasados foi a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) quen declarou ilegais parte das concesións, a vista desta segunda feira desenvólvese na xurisdición do penal, co fin de determinar o alcance dos supostos delitos cometidos.

A nova fase do litixio iníciase tras determinar en diversas sentenzas o TSXG que a adxudicación de varias liñas de transporte escolar á empresa Monbus non se axustou a dereito. Neste sentido, os autos consideran probado que a Consellaría de Educación incumpriu o disposto nas bases do concurso e na lexislación de aplicación á hora de adxudicar diversas rutas de transporte escolar.

Os argumentos xurídicos empregados polo TSXG sinalan que as unións temporais de empresas (UTE) onde a participación do grupo Monbus era maioritaria no seu capital conseguiron 29 lotes do concurso de transporte escolar de 2021, cando os pregos do mesmo sinalaban que a ningunha compañía se lle podían adxudicar máis de oito.

Nesta liña, o tribunal entende que o recurso por parte do grupo Monbus á figura legal da UTE pode responder a unha táctica “para repartirse de forma anómala o mercado”, limitando o dereito á libre competencia.

Comentarios