Néstor Rego a Feixoo: "Quen quixer o voto do BNG terá que se comprometer coa Galiza. Vostede non o fixo"

Rego alegou que “esquecer a Galiza á hora de gobernar non é exclusivo do PP. Temos denunciado moitas veces que as forzas estatais, se as deixan, altérnanse na discriminación do noso país e que iso só muda cando o BNG os forza a facelo”.
Néstor Rego intervén no Congreso (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera Néstor Rego intervén no Congreso esta sexta feira, no debate de investidura de Alberto Núñez Feixoo (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, deixou claro a Alberto Núñez Feixoo  que “quen quixer o voto do BNG terá que se comprometer coa Galiza. Vostede non o fixo. Tamén niso fracasou. Nós, o BNG, continuaremos traballando para conseguilo”.

Na súa intervención no marco da segunda votación da investidura de Feixoo, Néstor Rego criticou que fixese unha escenificación para consumo interno e que obviase absolutamente a Galiza:  “Falou todo o tempo que quixo, mais moi poucas propostas, e ningunha para a Galiza, descualificou a torto e a dereito, menos Vox, e perdeu a votación. Chegou, discursou, fracasou”.

O deputado do BNG recalcou o seu fracaso, excepto para “a prensa amiga” que certificou que a súa investidura tiña un obxectivo interno. Rego ironizou coa “saudade” de Feixoo do seu tempo como presidente da Xunta, pois atreveuse mesmo “a avanzar un posíbel adianto das eleccións galegas”.

“Non sei que lle parecerá ao señor Rueda, aínda que sabemos que se formou con vostede nunha escola de bons colonizados afeitos a obedeceren sempre a Madrid, mais xa llo digo: non se admiten devolucións e estea tranquilo que do Señor Rueda xa nos ocupamos nós. Teña claro que o BNG está pronto para enfrontar o desafío das eleccións galegas”, espetou o nacionalista.

Regou aproveitou a sesión para solidarizarse coas denuncias de Defende a Galega no seu 280 Venres Negro, ao tempo que lembrou o férreo control mediático que exerceu cando foi Presidente do Goberno galego.

"Non participamos dun paripé para consumo interno do PP, coa participación de Vox"

O parlamentar do BNG explicou a Feixoo as razóns polas que o BNG non participou na rolda de reunións do PP para a investidura. “Somos unha forza seria”, espetou, recalcando que o BNG sempre ten disposición para falar das solucións para a Galiza, mais “disposición para participar nun paripé para consumo interno do PP, coa participación estelar de Vox, nunca”.

"Cheques en branco"

Rego alegou que “esquecer a Galiza á hora de gobernar non é exclusivo do PP. Temos denunciado moitas veces que as forzas estatais, se as deixan, altérnanse na discriminación do noso país e que iso só muda cando o BNG os forza a facelo”.

Poir iso, enfatizou, “quen quixer o voto do BNG terá que se comprometer coa Galiza”, con máis investimentos, mellores infraestruturas, novos e mellores servizos ferroviarios, rexeneración das nosas rías, a resolución da crise industrial, máis políticas sociais, cun financiamento adecuado e o fortalecemento do autogoberno. “Vostede non o fixo. Tamén niso fracasou. Nós continuaremos traballando para conseguilo”.

Comentarios