Pontón proporá dedicar o 2% do PIB á ciencia e ao I+D+i

"Despois de varias lexislaturas visitando centros científicos e facendo un traballo de escoita co persoal investigador, no BNG consideramos indispensábel que a ciencia sexa un dos principais alicerces de desenvolvemento do país”, salientou Pontón.
Ana Pontón, con Abraham Gallas no Igfae, esta segunda feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, con Abraham Gallas no Igfae, esta segunda feira (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou na mañá de onte o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae) para “pór en valor a importancia da investigación e da innovación para o presente e o futuro da Galiza”. Pontón estivo acompañada por Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica da USC; Carlos A. Salgado, director do Igfae; Abraham Gallas, director científico asociado do Igfae; e polos deputados Luís Bará e Cristina Fernández.

“Unha das máximas prioridades dun futuro goberno do BNG é impulsar o desenvolvemento social, económico e humano do noso país situando a ciencia e a investigación como un sector produtivo estratéxico” declarou Pontón. A líder nacionalista afirmou, aliás, ter claro que a próxima década será a da "ciencia e a innovación".

"Despois de varias lexislaturas visitando centros científicos e facendo un traballo de escoita co persoal investigador, no BNG consideramos indispensábel que a ciencia sexa un dos principais alicerces de desenvolvemento do país”, salientou.

No marco da visita, a nacionalista anunciou onte as iniciativas neste ámbito que o BNG levará ao próximo Debate do Estado da Nación, no Parlamento galego, a vindeira semana e que se fundamentan na “garantía dun investimento estábel e suficiente que sitúe, progresivamente, a Galiza nos niveis de investimento europeo”, alcanzando o 2% do Produto Interior Bruto en cinco anos. Tamén propuxo a creación do "Innogal", a fundación galega para a ciencia, unha iniciativa inspirada en "modelos de éxito" como o Iberbasque e Icrea. 

"O PP non para de retroceder"

Tamén no día de onte, Pontón pronunciouse sobre a nova campaña do PP, que levará un autobús polos municipios galegos para "tomarlle unha" co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. "O que é evidente é que o PP está de precampaña, pero non gobernando, e está instalado na propaganda. Non sei se as cervexas son nova forma de propaganda, pero ante os grandes retos do país, Rueda non ten unha alternativa. Non paran de retroceder", espetou. 

Para alén diso, a líder do BNG tamén se referiu ao PSOE. Aludiu á "relaxación" dos socialistas e alertou de que "ou hai acordos concretos coa Galiza" ou Pedro Sánchez, dixo, "non terá o 'si' do BNG na investidura".

Comentarios