O BNG denuncia o "uso espurio" que fai o Sergas dos cartos a través dos contratos menores

Montse Prado afirma que a Xunta favorece a sanidade privada.
A deputada do BNG Montse Prado (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada do BNG Montse Prado, esta quinta feira na Comisión de Sanidade. (Foto: Nós Diario).

A deputada do BNG Montse Prado denunciou esta quinta feira o “uso espurio” dos cartos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) mediante contratos menores e sen publicidade para favorecer o negocio da sanidade privada en detrimento da pública. 

“O PP leva 14 anos actuando de comercial das empresas privadas e lévao facendo con escurantismo e sen transparencia, deteriorando a sanidade pública mentres fan negocio uns poucos”, manifestou durante a súa intervención na comisión de sanidade do Parlamento. 

Prado denunciou en concreto o abuso de contratos que limitan a concorrencia entre as empresas. Neste sentido, referiuse ao balance de contratación pública da Xunta correspondente ao ano 2022, elaborado pola Consellaría de Facenda e segundo o cal “nove de cada dez euros da contratación pública feita a dedo pola Xunta corresponden ao Sergas”, apuntou a deputada.

“O aumento continuo e constante do recurso das contratacións a dedo mostra unha vontade clara de agochar a que, e sobre todo a quen, se destinan os cartos públicos”, dixo, despois de constatar que o pasado ano un total de 889 millóns de euros do Sergas foron asignados con contratos menores e negociados sen publicidade. 

Ademais, fixo mención ao último informe do Consello de Contas que, entre outras cuestións, certifica que “persiste a opacidade e falta de transparencia”, pois unha parte importante dos contratos do Sergas evitan a concorrencia competitiva.

Segundo o ente fiscalizador do gasto público, salientou a deputada, o Sergas está a empregar as autorizacións de uso temporal como unha forma ordinaria de contratación “de forma directa, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato”. 

“Hai sospeitas máis que razoábeis de que os contratos menores, os negociados sen publicidade, as autorizacións de uso e os fraccionamentos dos contratos supoñen unha utilización espuria e conforman un ecosistema perfecto para facer uso dos cartos públicos sen render contas”, concluíu Prado.

Comentarios