Bruxelas recúa e asegura que "non cortará" a axuda humanitaria a Palestina

Nunha mensaxe en redes sociais, o comisario de Veciñanza, Oliver Varhelyi, confirmou que o bloque europeo conxela "de forma inmediata todos os pagos previstos" e que está a revisar todos os proxectos en marcha. Segue así os pasos de Austria, mentres que Alemaña informou de que está a revisar os seus compromisos de cooperación.
Bandeiras da UE fronte á sede da Comisión Europea, en Bruxelas. (Foto: Vincent Isore / Contacto / Europa Press)
photo_camera Bandeiras da UE fronte á sede da Comisión Europea, en Bruxelas. (Foto: Vincent Isore / Contacto / Europa Press)

A Comisión Europea anunciou que "suspende todos os pagos" relativos á axuda ao desenvolvemento e axuda humanitaria a Palestina no marco da avaliación da axuda que presta a Unión Europea ás autoridades do país ocupado.

Porén, O comisario de Xestión de Crise, Janez Lenarcic, matizou que o Executivo europeo "non cortará a axuda humanitaria a Palestina" a pesar do anuncio de Oliver Varhelyi.

"A axuda humanitaria da UE aos palestinos continuará mentres sexa necesario", subliñou o comisario esloveno, matizando así o anuncio do comisario húngaro.

A mensaxe de Varhelyi

Nunha mensaxe en redes sociais, o comisario de Veciñanza, Oliver Varhelyi, confirmou que o bloque europeo conxela "de forma inmediata todos os pagos previstos" e que está a revisar todos os proxectos en marcha. Segue así os pasos de Austria, mentres que Alemaña informou de que está a revisar os seus compromisos de cooperación.

"Todas as novas propostas orzamentarias, incluída a de 2023, aprazadas até novo aviso e faremos unha avaliación exhaustiva de toda a carteira", afirmou o comisario húngaro, sobre unha axuda que cifrou en case 700 millóns de euros.

O responsábel de Veciñanza insistiu en que a "magnitude do terror e a brutalidade" do ataque lanzado contra Israel supón un "punto de inflexión" polo que en Bruxelas "non poden seguir coas cousas como até o de agora", ignorando así os sucesivos ataques dos últimos anos de Israel contra Palestina.

O comisario defendeu abordar "os fundamentos da paz, a tolerancia e a coexistencia" en Oriente Próximo, tras lamentar que "a incitación ao odio, a violencia e a glorificación do terror envelenaron as mentes de demasiadas persoas".

Varhelyi protagonizou unha polémica o pasado ano ao condicionar os fondos de asistencia á autoridade palestina correspondentes a 2021, en total máis de 200 millóns a que as autoridades realizasen unha reforma educativa, tras a controversia sobre se os libros de texto nas escolas promoven o odio e a violencia cara a Israel.

"Que non se suspenda a axuda humanitaria"

A deputada do BNG en Bruxelas, Ana Miranda apelou a Comisión Europea a que non suspenda a axuda humanitaria a Palestina.

"A Unión Europea tería que centrarse en impedir máis sufrimento e mediar para alcanzar solucións de paz”, destaca a eurodeputada nacionalista, quen sinala que Israel, como potencia ocupante, vulnera sistematicamente os dereitos do pobo palestino e comete graves crimes contra a humanidade, detencións arbitrarias, asentamentos ilegais e barbaridades, como declarou a ONU en diversas resolucións.

Comentarios