Vivenda

Ana Miranda defende na Eurocámara "regular os pisos turísticos" e unha "política de vivenda accesíbel"

No pleno do Parlamento que ten lugar en Estrasburgo, a eurodeputada do BNG denunciou o "grave problema de acceso á vivenda" en dúas vertentes: por unha parte o encarecemento dos prezos e, por outro, o "aumento descontrolado dos pisos turísticos".
Intervención da parlamentaria Ana Miranda diante do pleno da Eurocámara. (Foto: Philippe Buissin)
photo_camera Intervención da parlamentaria Ana Miranda diante do pleno da Eurocámara. (Foto: Philippe Buissin)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu na Eurocámara unha política de vivenda pública "accesíbel", ante o aumento "desorbitado" dos prezos o que "impide o acceso á vivenda digna", e reclama unha regulación dos pisos turísticos.

Así, no pleno do Parlamento que ten lugar en Estrasburgo, a eurodeputada do BNG denunciou o "grave problema de acceso á vivenda" en dúas vertentes: por unha parte o encarecemento dos prezos e, por outro, o "aumento descontrolado dos pisos turísticos".

"Non pode haber pisos baleiros mentres haxa persoas coa necesidade dunha vivenda", sinalou Miranda, quen dixo, no debate 'Vivenda digna para todos', que o prezo de alugueiro aumentou na Galiza 25%, o que cualificou de "verdadeira catástrofe".

En canto ás vivendas, dixo que na Galiza hai 506.370 desocupadas, 28,8% do total e delas 22.000 en Vigo, mentres que en todo o Estado son 3.837.328 as desocupadas, o que representa 14% da cifra total.

Fronte a este dato, as vivendas rexistradas para uso turístico pasaron das 500 no ano 2017 ás 16.500 na actualidade, froito da "especulación sen ningún tipo de control". Por iso, considerou "imprescindíbeis" medidas que regulen a apertura sen control deste tipo de estabelecementos.

Miranda defendeu a posta en marcha dunha política de vivendas públicas a prezos accesíbeis que "permitiría facilitar o acceso á vivenda á xente nova ou persoas en situación de vulnerabilidade".

"Inacción da Xunta"

Neste sentido, criticou a "inacción" do Goberno galego do PP que, ao seu xuízo, "carece de proxecto de xestión de vivenda pública, xa que entre 2014 e 2017 non construíu ningunha vivenda pública en alugueiro e en 2018 só construíu unha de protección en alugueiro".

Miranda puxo o acento en que a vivenda pública representa en Europa 9,3%, mentres que na Galiza é menos de 1%. "Temos que garantir o dereito á vivenda digna", recalcou para criticar, a continuación, a "falta de vontade política do PP para solucionar este problema".

Comentarios