Gráficos

O 'boom' dos pisos turísticos na Galiza: das 4.433 prazas ocupadas en agosto de 2001 ás 46.027 deste ano, unha suba de 938%

Só na última década, o número de persoas viaxeiras aloxada en apartamentos turísticos triplicouse desde as pouco máis de 13.000 de agosto de 2013.
#turismo #turista #turistas #hotel #hoteis #peregrinos (Foto: Arxina)
photo_camera 46.027 persoas aloxáronse en pisos turísticos en agosto de 2023, segundo o INE. (Foto: Arxina)

Os aloxamentos extrahoteleiros —apartamentos turísticos, casas rurais, cámpings e albergues-—rexistraron un total de 1.072.298 pernoctacións no conxunto da Galiza ao longo do pasado mes de agosto, o que supón un incremento de 4,9% a respecto da situación dun ano antes. Así se desprende dos últimos do Instituto Nacional de Estatística (INE), difundidos esta segunda feira. Este incremento contrasta coa baixada, porén, do 1,6% interanual do mes de agosto.

Igualmente, o número de persoas viaxeiras que se aloxaron nestes estabelecementos elevouse a 455.939 na Galiza en agosto, isto é, 3,7% máis de visitantes que un ano antes. Mais poden observarse notábeis diferenzas en función do tipo de estancia.

Os apartamentos e cámpings soben tanto en viaxeiros como en pernoctacións, o que contrasta coa caída que sofren as casas rurais en ambos os rexistros. Pola súa parte, os albergues gañan viaxeiros, pero diminúen as pernoctacións.

Destaca o 21,7% que se disparan as pernoctacións nos apartamentos turísticos, con 20,3% máis de viaxeiros que optaron por esta opción en agosto, e contrasta coa caída do 4,5% nas pernoctaciónes deste tipo no coxunto do país. De feito, resulta especialmente significativo o incremento do número de persoas que deciden aloxarse en pisos turísticos durante a súa estadía vacacional na Galiza.

En agosto de 2001, primeiro ano desta serie histórica do INE, foran só 4.433 as persoas que avogaran por este tipo de aloxamento, sendo con diferenza a opción menos elixida, por baixo das 22.241 turistas que se hospedaron en casas rurais, 100.646 en cámpings e até 427.613 en hoteis. Porén, o panorama hoxe é ben distinto.

Ao longo das dúas últimas décadas o número de prazas nas vivendas de uso turístico, as denominadas VUT, non parou de medrar, até alcanzar en agosto de 2023 as 46.027 persoas aloxadas no conxunto da Galiza. Hai unha década, en 2013, apenas superaban as 13.000. E a cifra do oitavo mes do presente ano supera en 8.000 a de agosto de 2022, con só un ano de diferenza.

Datos estatais

No conxunto do Estado español, as pernoctacións en aloxamentos turísticos extrahoteleiros aumentaron 3,7% durante os oito primeiros meses do ano a respecto do mesmo período do ano anterior, superando ademais en 3,9% ás dos oito primeiros meses do ano 2019, segundo os mesmos datos do INE. As pernoctacións neste tipo de aloxamentos descenderon en agosto 1,6% respecto ao mesmo mes do ano anterior, sendo a caída máis acusada no caso dos residentes que baixan 2,6%, mentres que as dos non residentes fixérono en 0,3%.

Dos 25 millóns de pernoctacións realizadas o pasado mes de agosto, 14,2 millóns foron realizadas por residentes no Estado español, 7,8 millóns por viaxeiros da Unión Europea e outros 3,4 millóns procedían do resto do mundo. A estadía media foi de 4,9 pernoitas por viaxeiro, segundo a enquisa de ocupación en aloxamentos turísticos hostaleiros (EOAT) do INE.

Comentarios