O número de vivendas de uso turístico aumentou na Galiza en 3.700% en seis anos

A maior concentración de VUT atópase nas Rías Baixas, onde se localiza 27 % da oferta total na Galiza. O BNG leva ao Parlamento propostas como a esixencia do título habilitante municipal como requisito imprescindíbel para as VUT. 
Anuncios de alugueiros turísticos nunha localidade da Mariña o pasado verán. (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #inmobiliaria #alugueiro #galiza #vivenda #vivendasturísticas #turismo #fegein
photo_camera Anuncios de alugueiros turísticos nunha localidade da Mariña o pasado verán. (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #inmobiliaria #alugueiro #galiza #vivenda #vivendasturísticas #turismo #fegein

Os datos oficiais do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galiza (REAT), dende xuño de 2017, cando se incorporou a categoría de Vivendas de Uso Turístico (VUT), indican un aumento destas de 3.787 %. Pasouse das 542 rexistradas aquel ano ás máis de 20.500 actuais, segundo informa o BNG, que esta semana que entra levará ao pleno do Parlamento propostas sobre este tipo de vivendas.

A deputada do BNG Alexandra Fernández defenderá unha proposición non de lei cun paquete de medidas para paliar os efectos negativos “que xa se están a deixar notar nas principais cidades e nas vilas do litoral galego polo incremento acelerado e a concentración de vivendas de uso turístico”. Entre as propostas do BNG figuran a esixencia do título habilitante municipal como requisito imprescindíbel para as VUT, máis inspeccións, ou que se estabeleza un número máximo deste tipo de inmóbeis por propietario. 

Os datos recollidos nun informe da Área de Estudios e Investigación de Turismo indican  que a maior concentración de VUT atópase nas Rías Baixas, onde se localiza 27 % da oferta total na Galiza. Só Sanxenxo ten 14,5 %, e en Santiago concéntrase 4,2 %. “Non é un fenómeno exclusivo das cidades, senón que se estende por concellos cun menor grado de urbanización”, asegura a deputada nacionalista Alexandra Fernández, referíndose así a aqueles concellos onde a concentración é especialmente elevada atendendo o número de prazas por habitante. É o caso de Sanxenxo, Barreiros, Carnota, Fisterra, O Grove, O Vicedo, Foz, Corcubión, Laxe ou  Muxía.

A deputada do BNG chama a atención na tripla afectación do fenómeno das VUT: no urbano, na accesibilidade á vivenda e no turístico. Subliña, ao respecto, como a proliferación destas vivendas e a alta rendibilidade que supón nestes momentos o aluguer vacacional acaba por repercutir nos prezos da vivenda residencial, “unha preocupación de primeiro nivel que hai que abordar xa”, afirma.

Outro dos principais impactos afecta, advirte a deputada, ao propio modelo turístico, pois “o desprazamento da poboación residencial do centro das cidades ou de determinadas zonas moi turistificadas remata por segregar a propia vila ou cidade, reducindo así estes espazos a zonas tematizadas como simples contornas comerciais ao aire libre para turistas”.

“Os primeiros afectados son os propios residentes, mais co tempo acaban por crearse contornas turísticas pobres, carentes de vida cotiá, de memoria, de complexidade e de interese específico”, engade, ao tempo que subliña que “hai que ordenar o turismo para salvar o turismo, as cidades e vilas e os dereitos dos veciños”.

Comentarios