Agustín Hernández non continuará como presidente do Consello Económico e Social

O ex conselleiro de Medio Ambiente alega “razóns persoais” para deixar o cargo

Agustín Hernández, nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Agustín Hernández, nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press)

O que fora conselleiro de Medio Ambiente do Goberno de Alberto Núñez Feixoo na Xunta da Galiza e alcalde de Compostela, Agustín Hernández, non continuará como presidente do Consello Económico e Social (CES).

Así o comunicou onte a entidade, detallando que, transcorridos os catro anos na presidencia deste órgano, o propio Hernández trasladou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a súa decisión de non continuar no cargo cinguíndose "ao ámbito estritamente persoal" para tomar dita decisión.

Hernández fora designado por Feixoo para desempeñar este cargo e, de acordo coa normativa aplicábel, o presidente do Consello continuará exercendo as súas funcións até o nomeamento do novo presidente ou presidenta.

"Outra etapa"

Tras o seu paso por diferentes cargos públicos, o que fora conselleiro de Feixoo e alcalde de Santiago subliñou que agora ábrese "outra etapa", aínda que non desvelou se ten novos retos profesionais en mente.

Si lembrou que ten a súa profesión e é funcionario. En concreto, Hernández (Madrid, 1961) é enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, é funcionario do Corpo Facultativo Superior da Xunta da Galiza, e está en posesión do diploma de directivo da Escola Galega de Administración Pública.

Da man de Feixoo

Da man de Feixoo entrou no primeiro Executivo que configurou este, no ano 2009, como conselleiro. Del saíu anos máis tarde para asumir a Alcaldía compostelá nun convulso mandato local (o que finalizou en 2015) no que lle antecederon no cargo os tamén populares Gerardo Conde Roa e Anxo Currás.

Hernández, ao que se consideraba un dos 'homes fortes' do Executivo de Feixoo, dirixiu a Alcaldía de Compostela case un ano, desde xullo de 2014 até as municipais do ano seguinte, cando perdeu o bastón de mando municipal. Tampouco o conseguiu recuperar nas eleccións locais de maio de 2019, e poucos meses despois foi proposto para presidir o CES.

Comentarios