O Xulgado de Instrución número 1 de Compostela decretou esta quinta feira o sobresemento provisional e arquivo das actuacións relacionadas cunha das pezas separadas da operación Pokemon remitida polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, e na que estaban investigados dous exalcaldes do Partido Popular, Gerardo Conde Roa e Ángel Currás, que acabaron dimitindo na mesma lexislatura dando o bastón de mando finalmente a Agustín Hernández.
Da mesma maneira, o xulgado acordou deixar sen efecto as medidas preventivas adoptadas a respecto dos 11 investigados, entre os que tamén se atopaban outros edís populares como Albino Vázquez e o socialista Bernardino Rama. Precisamente, en xaneiro tamén se arquivou a peza referida ao suposto financiamento irregular do PSOE local, no que estaba investigado Rama.
A causa que quedou arquivada agora abriuse por presuntas irregularidades cometidas por concelleiras e persoal funcionario do Concello de Santiago hai dúas lexislaturas.
Imposíbel saber a "liña de investigación"
A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Compostela asegura no auto que, após examinar a documentación, resúltalle imposíbel "determinar con exactitude que feitos delituosos se atribúen a cada un dos sospeitosos", así como "coñecer a liña de investigación" levada a cabo en Lugo, tal e como informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A maxistrada lembra no auto que recibiu a causa en maio de 2018, catro anos despois de que a instrutora de Lugo, Pilar de Lara, se inhibise ao seu favor, en 2014. Entón rexeitou facerse cargo do caso, pero en febreiro de 2020 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia atribuíulle a competencia.
A maxistrada de Santiago, Ana López-Suevos, explica que durante os catro anos que pasaron desde que se decretou a inhibición da causa até que a recibiu, en Lugo continuáronse practicando dilixencias.
Por iso, considera que o Xulgado de Instrución número 1 de Compostela "atópase imposibilitado para coñecer cal é o obxecto da causa, pois tanto os feitos como os delitos poden descartarse, ou confirmarse, ou mesmo ter engadido outros novos, así como o número e identidade dos posíbeis sospeitosos, aínda que non foran formalmente imputados".
A xuíza insiste en que procesalmente "se actuou co criterio contrario á lóxica de tramitación", pois sostén que en lugar de levar a cabo unha breve instrución e inhibirse ao xulgado de Santiago, o que se fixo foi ditar un auto de inhibición, pero seguiuse instruíndo a causa catro anos máis en Lugo.
"Total indefensión" dos investigados
No auto tamén resalta que aos denunciados se lles causou unha "total indefensión", á vez que lembra que estiveron sometidos "a medidas preventivas que restrinxiron a súa liberdade persoal".
A maxistrada afirma que se lles ocasionou "incerteza e angustia" aos investigados "por atoparse inmersos nun proceso xudicial do que resulta imposíbel determinar con exactitude que feitos delituosos se lle atribúen a cada un deles".