Dous detidos pola policía nas protestas pola toma de posesión de Agustín Hernández

Un forte control policial acordoou a Praza do Obradoiro para impedir que as persoas manifestantes se achegasen ao Pazo de Raxoi na toma de posesión de Agustín Hernández como terceiro alcalde da capital galega en tres anos. A policía detivo a dous manifestantes. 

rento
photo_camera rento

Turistas libres e manifestantes acordoados. Este era o panorama da Praza do Obradoiro durante a toma de posesión de Agustín Hernández como o terceiro alcalde da capital galega desde as pasadas eleccións municipais. Dous manifestantes detidos foi o resultado do forte control policial que elevou a tensión na praza situada diante da sede do Concello na que se amoreaban grupos de manifestantes que protestaban pola toma de posesións de concelleir@s non eleitos. Dúas destas persoas que protestaban foron transaladados á comisaría de pPolicía de Santiago, despois de seren arrastrados aos soportais do Pazo de Raxoi nos momentos de máis tensión da xornada. 

Mentres dentro de Raxoi, nun pleno retransmitido por plasma, o novo alcalde Agustín Hernández defendía que ía “escoitar antes de tomar decisións” e centraba a súa intervención na súa vontade dun “goberno aberto á crítica da cidadanía”, no Obradoiro a intervención policial valaba a praza para afastar ás persoas manifestantes da porta de Raxoi. Diferentes colectivos sociais e cidadás quixeron estar na toma de posesión dun goberno composto na súa meirande parte por concelleiros non electos. 

O grupo municipal do BNG abandonou o pleno precisamente cando chamaron a tomar posesión aos  edís non eleitos. Nos seus escanos deixaron pendurados tres cartaces nos que se podía ler: “Democracia para Compostela”, “Goberno si pero non así” e “Reservado para concelleir@s eleitos”. 

Na praza do Obradoiro, policia secreta procedía á detención dos militantes nacionalistas do BNG Renato Núñez e Manuel da Cal que foron esposados e reducidos nos soportais de Raxoi antes de seren trasladados a dependencias policiais. 

Após semanas desde a demisión de Ángel Currás como rexedor da capital de Galiza, Agustín Hernández tomará posesión como novo alcalde esta terza feira (7 de xullo). E faráo rodeado pola veciñanza. Mais non para o aclamaren senón para lle amosaren o seu rexeitamento a un novo goberno municipal que contará con máis da metade d@s edís post@s 'a dedo'. 

Un goberno afundido polos casos de corrupción

Os procesos xudiciais remataron por abocaren á demisión a 7 edís. José Luis García Bello, María Pardo Valdés, María Castelao, Francisco Javier Noya, Cecilia Sierra, María Amelia González Brandariz e Juan de la Fuente saían do Pazo de Raxoi após seren condenad@s a 9 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación. Poucos días despois o alcalde, Ángel Currás, tamén presentaba a súa demisión debido ás presións dentro do Partido Popular. O ex-rexedor conta tamén con causas xudiciais abertas, ao igual que o seu antecesor, Gerardo Conde Roa, quen tamén rematou por demitir en 2012. 

A menos dun ano das eleccións municipais quen agora toma a batuta do consistorio é Agustín Hernández, ex-conselleiro de Infraestruturas e deputado no Parlamento galego, iso si, pola circunscrición de Pontevedra. Hernández fechaba a listaxe electoral do PP en 2011 e agora será quen dirixa a política municipal. Xunto a el, estarán o propio Currás e a súa man dereita, Reyes Leis. Tamén Luís Meijide e José Manuel Rosende, actualmente concelleiros. 

Hernández fechaba a listaxe de 2011 e gobernará cunha equipa maioritariamente posta 'a dedo'

Entre os novos nomes están a senadora do PP, María Jesús Sainz; María Antón, Manuel Martínez Varela, así como Ramón Quiroga, marido dunha das edís saíntes, Cecilia Sierra. Aliás, acompañarano Teresa Gutiérrez e María José Corral --procedentes da Consellaría de Infraestrutura no tempo que estivo dirixida por Hernández. Para alén deste, só Marta González facía parte na listaxe das municipais de 2011. 

Preferentistas rexeitan o nomeamento de Marta González por "traidora"

Esta última é obxecto de duras críticas por parte da Plataforma de Afectad@s polas preferentes de Compostela pois sinálana como unha das responsábeis de que non se aprobase no Congreso español unha solución para @s estafad@s por esta fraude. 

Estafad@s polas preferentes critican que unha das novas edís votase como deputada no Congreso a favor da quita

"No seu momento, Marta Gonzalez Vazquez, foi cualificada polas plataformas de afectados como “traidora”", sinalan nun comunicado de imprensa, xa que, apuntan, en marzo de 2013 votou xunto con outr@s 15 parlamentares galg@s do Partido Popular a favor da quita @s estafad@s. Neste senso, denuncian, "a Plataforma de afectados de Compostela considera unha nova fraude e burla á cidadanía de Compostela o nomeamento do novo alcalde e concelleiros, especialmente de Marta Gónzalez Vazquez, que compatibilizará o seu novo cargo co de diputada, despois de contribuír co seu voto a que se aplicara aos afectados o "Decretazo do expolio”". 

Unha concetración e unha manifestación

Así as cousas, a veciñanza está chamada a se manifestar na Praza do Obradoiro ás 11.30 horas. Convocada pola Asemblea cidadá de Compostela denuncian a "situación totalmente insostíbel" que atinxe o goberno municipal. Unha situación que non atribúen só á corrupción senón tamén ás "cuitas internas do PP" e que deixan a cidade paralizada. 

Unha manifestación ás 20.30h sairá do Toural

Neste senso, reclaman medidas concretas que permitan a cidadanía tomar a palabra pois, din, "gobernar quen gobernar, temos que dispor de máis instrumentos para controlar os nosos representantes públicos". Así propoñen a creación dun Observatorio cidadán contra a corrupción e de instrumentos que visen "o control democrático do gasto público, a modificación e actualización dos regulamentos do Concello ou o desenvolvemento participativo dos orzamentos municipais". 

As súas reivindicacións non ficarán aí, tamén convocan unha manifestación ás 20.30 horas con saída da Praza do Toural coa que queren dar pé a participar a aquelas persoas que por razóns laborais non se puidesen achegar até o Pazo de Raxoi coincidindo co pleno. 

Comentarios