28-M

Formoso arroupa o alcalde compostelán, Xosé S. Bugallo no inicio da campaña

O líder do PSdeG reivindicou que encaran esta campaña co compromiso de “defender as ideas”, pero sempre tratando de facer “política útil”, que considera que “tanta falta fai hoxe en día nos concellos da Galiza”.
Pegada de cartaces do PSdeG en Compostela (Foto: PSdeG).
photo_camera Pegada de cartaces do PSdeG en Compostela (Foto: PSdeG).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, participou a na tradicional pegada de carteis, decorrida na praza de Mazarelos, en Santiago de Compostela, onde reivindicou o Partido Socialista como a “única forza capaz de conciliar o sentido común” á fronte dos Gobernos municipais coa capacidade de “xerar ilusión” en torno á concepción de novos proxectos de futuro pensados para as persoas.

Nun acto no que estivo acompañado polo alcalde e candidato á reelección en Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e polo ministro de Sanidade, José Miñóns, o número un dos socialistas galegos salientou que o PSdeG acude a estas eleccións decidido a defender todo o que leva feito neste mandato coa “cabeza moi alta” á fronte dos concellos e das concellarías.

O foco mediático neste inicio da campaña situouse na cidade de Ourense, debido á singular rolda de prensa e apertura de investigación da Fiscalía contra Xácome, así como o xuízo rápido desta quinta feira contra Baltar por un posíbel delito contra a seguridade viaria. Ante esta conxuntura, Formoso remarcou que o PSdeG é “un partido con sentido común fronte a outros experimentos que vemos en Ourense”.

"Antídoto contra o desgoberno"

Engadiu que “somos o antídoto contra o desgoberno”, algo que asegurou que “xa o vimos en Santiago” nas dúas anteriores lexislaturas antes da volta de Bugallo á Alcaldía.

O líder do PSdeG reivindicou que encaran esta campaña co compromiso de “defender as ideas”, pero sempre tratando de facer “política útil”, que considera que “tanta falta fai hoxe en día nos concellos da Galiza”.

Este modo de facer política entende que é o que levan facendo os últimos anos nas 6 grandes cidades galegas nas cales gobernan ou cogobernan, así como no total dos 110 rexedores socialistas que son “referente da xestión municipal”.

Para iso, asegurou, teñen un programa marco que se lanzou dende a dirección galega, pero incide en que “cada candidatura ten que aportar as súas propostas para adaptalo ás necesidades dos seus veciños e veciñas”.

Formoso entende que os concellos do futuro teñen que seguir as liñas que eles estabelecen no documento que presentaron publicamente a semana pasada. Asegurou que durante os vindeiros catro anos se centrarán especialmente en crear “cidades máis amábeis, que creen emprego para reter o talento e que garantan o acceso á vivenda”.

Comentarios