Eleccións Municipais

Santiago, 'quilómetro cero' da campaña electoral

BNG, PSdeG e PP elixen a capital galega para iniciar a campaña do 28-M esta madrugada.
Ana Pontón, Alfonso Rueda e Valentín González Formoso. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, Alfonso Rueda e Valentín González Formoso. (Fotos: Europa Press)
  1. PP
  2. PSdeG
  3. BNG
  4. Podemos, EU e 'mareas'

Os principais partidos da Galiza coincidiron na elección de Santiago de Compostela como quilómetro cero da campaña electoral, a última fase da carreira electoral que comeza na madrugada da quinta á sexta feira e que desembocará na cita coas urnas do domingo 28 de maio, na que a capital galega é, precisamente, unha das prazas chave.

PP

Así, o líder dos 'populares' galegos, Alfonso Rueda, acompañará o seu candidato na cidade, Borja Verea. Tamén estará no acto a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. Como localización, a formación conservadora elixiu para o seu acto central de pegada de carteis —que será virtual— a escalinata da praza do Obradoiro, para escenificar que se atopan "ás portas" do Pazo de Raxoi, sede do Concello.

O obxectivo do PP de cara aos próximos comicios é recuperar poder urbano e, ademais de manter a Deputación de Ourense —no epicentro da polémica polo exceso de velocidade do seu titular e líder 'popular' na provincia, Manuel Baltar—, tentar facerse con algún outro goberno provincial entre os da Coruña, Lugo e Pontevedra, agora en mans de PSdeG e BNG.

Para a campaña, na que os principais cargos da dirección dividirán esforzos —Rueda terá que compaxinar a súa axenda de partido coa institucional, como presidente da Xunta— para abranguer a maior parte do territorio, o PPdeG tamén contará con reforzos estatais. Entre outros, participarán en diferentes actos o ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi, e o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo.

PSdeG

O lugar elixido polos socialistas galegos para o seu acto central de pegada de carteis, co que arrinca a carreira cara ás urnas, é a praza de Mazarelos de Compostela, onde o ministro de Sanidade, José Miñóns, acompañará o candidato á Alcaldía, o actual rexedor, Xosé Sánchez Bugallo. Alén de membros da agrupación local, participarán distintos integrantes da dirección galega encabezados polo secretario xeral, Valentín González Formoso, quen tamén é candidato nestas eleccións, aspirando a revalidar a Alcaldía das Pontes (comarca do Eume).

Neste contexto no que o xefe de filas dos socialistas galegos é tamén aspirante nas municipais, o PSdeG prepara unha campaña na que terán protagonismo, á marxe do propio Formoso, o novo delegado do Goberno na Galiza após máis dun lustro afastado da primeira liña política, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario de Organización da formación, José Manuel Lage.

Precisamente, ambos os dous participarán en senllas pegadas de carteis nas cidades de Lugo e A Coruña. Besteiro arroupará a alcaldesa luguesa e candidata á reelección, Lara Méndez, no acto de pegada na cidade da Muralla, e Lage fará o propio coa rexedora coruñesa, Inés Rei, en cuxa candidatura ocupa o número dous.

De cara á campaña electoral que arrinca esta semana, os socialistas galegos prevén facer un especial esforzo nas cidades nas que consideran que precisan mobilizar máis o seu electorado, como o caso de Lugo e Santiago. Aliás, prevese que arroupen os candidatos galegos diferentes membros do Goberno estatal, como a vicepresidenta Nadia Calviño, quen visitará o país esta semana.

BNG

Tamén o BNG elixiu a capital galega para o seu acto central de pegada de carteis, que convocou na praza do Toural, e ao que está previsto que acuda a líder da formación, Ana Pontón, que acompañará a candidata local, Goretti Sanmartín. Se Rueda afronta o seu primeiro exame como líder e o PSdeG ten en xogo a 'permanencia' como forza referente no ámbito urbano, após mellorar no número de listas presentadas, os nacionalistas galegos afrontan estes comicios co reto electoral de mellorar os resultados de 2019, ano en que comezaron a recuperar o terreo perdido fronte ás 'mareas' na década pasada.

Aliás, desde o Bloque pretenden nesta campaña consolidar os municipios nos que xa goberna, incrementalos e situarse como o 'socio' necesario e preferente alí onde o PSOE é a primeira forza política na esquerda e, deste modo, gañar presenza nos gobernos locais, o que lle supón un 'trampolín' para impulsar a propia Ana Pontón coa ollada posta nas eleccións galegas de 2024.

Podemos, EU e 'mareas'

Finalmente, no ámbito que noutrora ocuparon as 'mareas' municipais, debido á propia configuración dos espazos e ao enfoque máis centrado nas localidades nas que as 'mareas' seguen con presenza municipal, non se concibe un acto central como tal. Con todo, o líder de Podemos na Galiza, Borja San Ramón, estará en Ferrol para acompañar o seu candidato, Aitor Cordeiro, nunha das localidades nas que a formación morada concorre en solitario —á marxe de Ferrol en Común—.

Mentres, a secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez 'Pam', que fecha a lista de Pontevedra, participará na pegada de carteis da cidade, na que tamén Podemos concorre en solitario mais sen competir con ningunha candidatura do mesmo espazo rupturista —que desapareceu do eido municipal—.

Na Coruña este espazo fragmentouse en dous: a Marea Atlántica que encabeza Xan Xove e a lista alternativa, Por Coruña, froito da unión entre Podemos, Esquerda Unida, Alianza Verde e independentes e con José Manuel Sande á cabeza. Si se reedita a coalición en Vigo a través da Marea liderada de novo por Rubén Pérez, así como en Santiago, por medio da unitaria lista de Compostela Aberta e a súa candidata, a edil María Rozas.

Comentarios