28-M

O PSdeG presenta en Zas a súa candidatura ás municipais após 12 anos sen designación

 Sheila Rial encabeza a lista socialista á alcaldía do Concello de Zas.
Valentín Formoso e Bernardo Fernández xunto a Sheila Rial en Zas.
photo_camera Valentín Formoso e Bernardo Fernández xunto a Sheila Rial en Zas.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, xunto a Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral do PSdeG da Coruña, e Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, arrouparon este domingo, acompañados de todas as alcadesas e alcaldes da Costa da Morte, a presentación da candidatura socialista de Sheila Rial á alcaldía do Concello de Zas.

O Auditorio da localidade acolleu un acto "especial", sinalaron, xa que a última candidatura socialista na vila remóntase a hai doce anos. Así o lembrou Valentín González Formoso, quen destacou o feito de que "esta candidatura está conformada integramente con veciñas e veciños do concello de Zas, implicados na mellora, na modernización e o progreso da súa vila".

Pleno na Costa da Morte

"Sei o difícil que é dar un paso como o que dá Sheila nun concello gobernado polo BNG e, polo tanto, para min ten ese tripla valor que nunca esqueceremos os socialistas da Galiza. Un paso adiante a prol da túa vila, a prol dunha ideoloxía que se identifica non só coa Costa da Morte, senón con toda Galiza".

Bernardo Fernández insistiu en que volver contar coa candidatura en Zas é un reto que o PSdeG tiña marcado dende hai tempo como "a mellor opción para garantir o futuro desta vila" fronte a un "proxecto que xa está esgotado". Destacou a "preparación e capacidade de traballo" de Sheila Rial e puxo en valor a "valentía" de todos e todas os que forman esta candidatura.

O secretario xeral do PSdeG da Coruña avogou por conseguir unha vitoria que sitúe o Partido Socialista á fronte da Costa da Morte. "Só nos falta este Concello".

Na súa intervención, Sheila Rial agradeceu o apoio da veciñanza que encheu o auditorio de Zas nun acto que servirá para "dar a coñecer o rexurdir do Partido Socialista en Zas". "Volvemos, volvemos para quedar e vimos cun proxecto, con propostas, cun programa que é de todos e de todas".

Comentarios