Urraca e Reimundo de Borgoña. Un tempo novo para o Reino da Galiza

Era filla de Afonso VI e, por conseguinte, sobriña do rei García da Galiza, un dos monarcas máis coñecidos non só no noso país senón, incluso, a nivel internacional. Así se constata no Romance de Santiago (Visen om Sankt Jakob) das Illas Feroe, onde Galiza é denominada como o país de García (Garsialand), do xeito que documenta Vicente Almazán. Froito do matrimonio estabelecido entre o emperador Afonso VI e Constanza de Borgoña, Urraca vén ao mundo ao redor de 1081. A súa nai procede da caste dos Capetos, duques de Borgoña, e antes de unirse a Afonso VI enviuvara do conde de Châlon-sur-Saône, Hugues II.
Diego Xelmírez con varios cabaleiros nunha miniatura do Tombo de Toxos Outos. (Foto: Arquivo Histórico Nacional)
photo_camera Diego Xelmírez con varios cabaleiros nunha miniatura do Tombo de Toxos Outos. (Foto: Arquivo Histórico Nacional)

Alén da proxenie que Afonso VI acada fóra do matrimonio, Urraca terá por medias irmás a Tareixa Afonso –condesa de Portugal–, Elvira –condesa de Tolosa–, unha outra homónima a esta –raíña de Sicilia– e Sancha –condesa de Liébana–. E isto sen termos en conta os parentescos e relacións de poder existentes por mor de ser neta do duque borgoñón.

Urraca aparece en escena sen pretensións de ser candidata a herdar as coroas do seu pai, xa que o seu irmán bastardo, Sancho, fora promovido por Afonso VI. Porén, a historia muda repentinamente en 1093, momento no que o infante falece e que coincide con outros dous sucesos importantes: o pasamento da súa nai e o enlace matrimonial que a Urraca lle formalizan con Reimundo de Borgoña, nobre do franco-condado que chegara á Península tras a chamada militar efectuada por aquel que había ser o seu sogro.

Reimundo era un dos fillos do conde palatino Guillerme I, polo que dentro das súas parentelas cómpre subliñar o feito de ser irmán dos prelados de Besançon e de Savona, e cuñado tanto dos condes de Savoia, Flandres e Montbéliard como do duque de Borgoña. Ante esta circunstancia non resultaba difícil que Urraca e Reimundo puidesen prosperar nas súas empresas sucesorias, e máis aínda sendo irmán do borgoñón o futuro papa Calixto II, o mesmo a quen se lle quixo atribuír a autoría do Codex Calixtinus. A adxudicación de tal manuscrito, composto no ecuador do século XII, residía no feito de que Sumo Pontífice favorecera con xenerosidade o reino galego e, sobre todo, o bispado de Compostela. Lembremos que Calixto, en 1120, é quen de ascender á categoría de Sé Metropolitana a Igrexa de Santiago.

A Chanson de Roland e Codex Calixtinus

Entre a segunda metade do século XI e as primeiras décadas do seguinte escríbese un dos cantares de xesta máis relevantes da literatura universal e, en particular, de Francia. Referímonos a La Chanson de Roland que, atribuído ao monxe normando Turoldo, narra as peripecias de Roldán na Batalla de Roncesvalles durante o reinado de Carlomagno. Segundo o Manuscrito da Biblioteca Bodleiana de Oxford, que data de 1170, aproximadamente, consta de 291 estrofas escritas en anglonormando, e entre outros personaxes figuran aquel sobriño de Carlomagno que lle dá nome a esta composición, o cabaleiro Oliveros, Ganelón –que traizoa a Carlomagno– e o arcebispo Turpín –a quen se lle atribuíra interesadamente a autoría do libro IV do mesmo Codex Calixtinus.

En atención a Galiza cómpre advertir que La Chanson de Roland, tal e como ten estudado Henrique Harguindey, alberga dúas alusións directas a Galiza, mercé da importancia que esta tiña por aqueles tempos. A primeira delas, segundo o escritor e tradutor galego, constátase na descrición do “sarraceno felón”, do que se di que “prefire a traizón e o crime / a todo o ouro de Galiza”. Esta frase final vincula o noso país cun lugar de riquezas, unha sorte de Eldorado pero do medievo, mercé do que achega Harguindey Banet. A segunda referencia aparece na derradeira batalla, sendo os versos en cuestión, nos que se cita a Hamon de Galice, os que así rezan: “Entre Rembalt e Hamón de Galiza / han guialos conforme á arte da cabalaría”. Nótese aquí que o citado “Hamón de Galiza” non era outro senón o marido da infanta Urraca, Reimundo de Borgoña.

Urraca é presentada como infanta e señora do reino galego ou incluso emperatriz de toda Galiza

Paralelos a estes comentarios debemos aclarar que aínda que Calixto II non fose o redactor do Códice Calixtino si hai que consideralo como o causante da Historia Karoli Magni et Rothalandi, texto que, ademais, serviría de inspiración en moitos relatos cabaleirescos tanto franceses como escandinavos, dos Países Baixos ou doutros territorios nos que está presente o reino galego. En certa medida, situounos dentro do mapa da máis alta literatura europea pleno e baixo medieval.

Que ao libro IV deste códice se lle dese o nome d’O Pseudo-Turpin, obra que se estende coma o lume por moitos recunchos de Europa, non está carente de poucas intencionalidades e razóns simbólicas: Xelmírez será o primeiro arcebispo de Compostela, Turpín fórao de Reims; na primeira das igrexas coroaríanse numerosos reis da Galiza e en esoutra moitos dos soberanos de Francia; en Reims ascende ao trono o fillo de Carlomagno, Louis I “O Piadoso”, na Galiza acada a coroa real o emperador Afonso VII, fillo de Reimundo de Borgoña e Urraca Afonso. Por se isto fose pouco, no relicario de Carlomagno, datado por 1215 e que se conserva na catedral de Aquisgrán, existe un baixorrelevo que recrea a aparición do Apóstolo Santiago a ese soberano. Mais curiosamente na basílica compostelá, e até o século XIX, dentro do ciclo litúrxico do ano existía unha misa pola ánima daquel Emperador de Occidente.

A xeito de breve paréntese queremos introducir aquí o comentario de que no Museo Catedralicio de Santiago se custodie un olifante denominado de Roldán, o que volve subliñar a intencionalidade de ligar este templo, a haxiografía de Santiago e a súa historia coa literatura do círculo carolinxio. Dos mitos tamén xorden grandes vínculos, tradicións e realidades universais –aínda que sexan fantasiosas–.

Urraca e Reimundo, Condes da Galiza

Deixando isto atrás, podemos sinalar que Reimundo e Urraca xa fican casados por 1093, cando ela debe contar cuns doce anos de idade e el dez máis. Esta data sérvenos de referencia pois por ese tempo Reimundo xa se di xenro de Afonso VI, e un par de anos máis tarde advirte ser –segundo consta nun par de documentos recollidos no Tombo A do ACS– señor de toda Galiza (“totius Gallecie senior et dominus”) ou conde de toda ela (“Raimundus totius Gallecie consul”); porén, Urraca figura como “regina”. Certo é que o borgoñón tamén se nomea “dux” ou duque nalgún diploma (á altura de 1099) e, dous antes do pasamento do seu sogro, ben emperador de toda Galiza (“domnus Raimundus, totius Gallecie imperator”) ou ben príncipe deste reino (“consul dominus Raimundus, totius Gallecie princeps”). Nese ano de 1107, no que Reimundo falece polo mes de setembro, Urraca advirte que é infanta e señora do reino galego ou incluso emperatriz de toda Galiza (“totius Gallicie imperatrix”), malia que tras o óbito prematuro do seu cónxuxe apareza nalgúns diplomas como autorizada polo seu pai.

Alén destes comentarios, vemos con claridade cales foron as intencións da parella antes do deceso de Afonso VI: suceder no trono imperial, aínda que  tivesen que se desprender dalgunha coroa, como podía ser a galega.

A afirmación anterior susténtase nun documento que, malia carecer de data e ser unha copia moderna, asegura tal intención por parte de Reimundo. No que atinxe á cronoloxía, Irene Ruiz Albi afirma que se debería considerar do ano 1105. E crémolo obvio pois xunto co conde galego fica tanto o seu fillo como Henrique de Portugal, o seu parente (“Raimundus comes ejusque filius et Hericus comes ejus familiaris”). Lémbrese que Afonso VII, sucesor de Urraca e Reimundo, nace en 1105 e nese documento, polo que se ve, dáse conta da súa presenza. Que un infante con só meses ou días de vida apareza en textos dos seus proxenitores non resulta para nada estraño, deste xeito anunciábase á sociedade que xa se conseguira sucesor ao trono. Isto volverase advertir tamén na diplomática de Fernando II e Afonso IX “O Sabio”.

Continuando co documento en cuestión sinálase que ambos condes, Reimundo e Henrique, trasladan a Hugo, abade de San Pedro de Cluny, un pacto de goberno para cando Afonso VI faleza. Este acordo fora reclamado polo eclesiástico e –segundo achegan María do Carme Pallares e Ermelindo Portela– queda formalizado en presenza de Dalmacio Geret, enviado do abade. Neste acordo secreto entre curmáns –en palabras de Richard A. Fletcher– tres eran as provisións: a primeira, que Henrique de Portugal había axudar a Reimundo a conseguir os tronos de Castela e León; a segunda, que entre ambos se repartirían o tesouro real de Toledo (un terzo para o portugués e os dous restantes para o galego); e a última, que Henrique disporía de determinados territorios de Reimundo (Toledo ou Galiza), mais sendo vasalo del: “Si ego comes Raymundus non possum tibi comiti dare Toletum ut promisi, dabo tibi Gallaeciam, tali pacto ut tu adjuves mihi acquirere totam terram de Leon et de Castella; et postquam inde dominus pacifice fuero, dabo tibi Gallaeciam, ut postquam eam tibi dederon, dimittas mihi terras de Leon et de Castella”.

Os tempos de Urraca

Non sería difícil supor que tal acordo tivese lugar nunha zona hoxe fronteiriza entre os territorios portugués e galego. Reparemos no feito de que Reimundo e Urraca estivesen polas terras do Lérez en xaneiro de 1105 e que o infante nacerá, en Caldas de Reis, polo mes de marzo. En realidade, mercé das investigacións de Abel Estefânio (publicadas no Annuarium Sancti Iacobi), o día 16 de xaneiro o matrimonio e a infanta dona Sancha están a conceder unha importante dádiva ao mosteiro de San Xoán de Poio. Como dixemos, a Urraca pouco lle restaba para traer ao mundo un novo fillo e, sen dúbida, a casa real degoraba un varón para así perpetuar os dereitos sucesorios ao trono galego. De non acontecer deste xeito, todo apuntaba a que ía ser o infante Sancho o que subise ao trono.

Urraca era filla de Afonso VI e, por conseguinte, sobriña do rei García da Galiza

Este era fillo de Afonso VI e da princesa musulmá de nome Zaida, que logo de aceptar o cristianismo será chamada Sabela. Amais diso, tal candidato xa comezara a confirmar diplomas por 1103, de aí os maos agoiros para Urraca de non acadar un varón con saúde. Esta debe ser a causa pola que se lle outorga tan importante doazón ao citado cenobio que tiña baixo a súa advocación o propio San Xoán o Bautista. Os patrimonios concedidos esparexíanse polos arredores do Lérez, pero tamén polo Morrazo e O Salnés. Ademais de casais, entregábanse infraestruturas de salga e a propia Illa de Tambo. Presentes están distintas personalidades, nomeadamente o bispo Xelmírez e os seus análogos nas dioceses de Tui e Ourense; diversos condes, entre eles o de Traba e o de Monforte; cabaleiros, mordomos, cóengos, xuíces e abades.

Raíña Galega por dous anos?

Nado o meniño, e con tan só dous anos de idade, falece o seu proxenitor o 20 de setembro de 1107, polo que ante esta circunstancia, aquel pacto secreto non ten razón de ser. E iso que o monxe Dalmacio Geret volvera de Borgoña no verán dese ano, logo de avisar ao seu abade. Seguramente traería novas e consellos do propio Hugo de Cluny.

Sexa con for, Urraca fica viúva e sen moitos apoios, advertida ademais de que non debería acordar novas nupcias se quixer subir ao trono. Morto o seu pai en 1109, fixo ouvidos xordos e contrae nupcias co aragonés Afonso “O Batallador”, polo que o seu destino volve estar en suspense. O papa rexeita esa unión por razóns de consanguinidade, o clero francés oponse xa que pode perder privilexios acadados canda Reimundo de Borgoña, e a nobreza galega apresúrase para alzar a súa queixa. Certo é que Xelmírez busca que Afonso VII suceda nas coroas de Galiza, León e outras; e, pola contra os Traba, personalizan a independencia deste reino Atlántico coa coroa de Afonso Reimúndez. Ante estas circunstancias, non podemos afirmar con certeza se Urraca –malia ser “totius Gallicie imperatrix”, segundo se define no Tombo Vello de Lugo– reinou Galiza durante os anos comprendidos entre 1107 e 1109. Quizais compartiu poder e título co seu fillo, ese que reclamaba a súa quenda por boca da nobreza galega.
Malia isto, e xa non sendo raíña da Galiza –ofuscada coas súas empresas–, visita en varias ocasións a cidade de Compostela para convencer a Xelmírez.

Moitas foron as dádivas que lle entrega e que fornecen de señoríos e patrimonios a mesa capitular de Santiago. Mais, non serían poucos os actos nos que a sociedade galega dese a súa máis rotunda opinión. Queremos lembrar neste intre aquel capítulo recollido na Historia Compostelá no que se ve unha urbe apostólica que estoupa diante de Urraca. Era o ano 1117, dende fóra da catedral clamaba a cidadanía para que a “condesa da Galiza” saíse da torre das campás, onde se refuxiaba tamén o bispo cos “seus seguidores e cabaleiros”.

O relato continúa así:

“Cando a turba a veu saír, abalanzáronse sobre dela, collérona e botárona en terra nun lameiro, raptárona coma lobos e desgarraron os seus vestidos; co corpo espido dende o peito até abaixo e diante de todos ficou en terra durante moito tempo de xeito vergoñento. Tamén moitos quixeron lapidala e, entre eles, unha vella compostelá feriuna gravemente cunha pedra na meixela (...). Finalmente a raíña, cos cabelos desgreñados, o corpo espido e cuberta de lama, foxe e chega á mesma igrexa [Santa María da Corticela] na que se escondía o bispo”.

A que foi condesa da Galiza falece nove anos máis tarde en Palencia e os seus restos mortais irían parar ao Panteón Real de San Isidoro de León. Do seu mausoleo non quedaría ren.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios