Syriza: ''De seguiren coa austeridade, o presente de Grecia é o futuro de Alemaña e de Europa''

O goberno de coalición grego superou unha moción de confianza para quitar adiante as medidas impostas pola troika. A segunda forza máis votada, Syriza, chama a non pagar a débeda e centrarse na recuperación do crecemento económico e a creación de emprego para evitar que se reproduza o panorama grego: pobreza en aumento e empoderamento do fascismo

"Non só o Estado español, tamén Alemaña ten o futuro de Grecia de seguiren as medidas de austeridade". Taxativo e convencido de que a única alternativa posíbel á hecatombe económica e social é non pagar a débeda, Spyros Niakas, voceiro das organizacións xuvenís de Syriza, analizou nunha entrevista na radio pública española o panorama que se debuxa no país heleno após as eleccións.

O Goberno grego é unha coalición "moi feble", encabezado polo partido conservador Nueva Democracia, de Antonis Samaras, "cuxas ás neoliberais son moi influíntes" e unha axenda social marcada por "liñas neonazis" en políticas como a atención a persoas inmigrantes; o partido socialista Pasok, que pasou de ter o 40% dos votos a un escaso 13%; e Esquerda Democrática. Segundo Niakas, os tres partidos prometeron en campaña que habería renegociación dos termos do rescate impostos pola troika, "e os tres mentiron: non haberá renegociación".

O salario mínimo é de 500€ e o obxectivo do Goberno é que haxa unha persoa traballando por fogar, máis un paso para que o pobo asuma todo o peso da débeda. A coalición iniciou o mandato gañando unha moción de confianza cos votos dos partidos do propio gabinete, nun Parlamento onde teñen a maioría de 179 escanos --de 300-- e tomando en conta que 50 dest@s deputad@s son un regalo concedido á forza máis votada. Syriza foi a segunda, co 26,56% das papeletas a favor.

"Somos a primeira opción política entre as persoas de entre 18 e 58 anos, entre os pobres e os desempregados", indicou o líder das xuventudes de Syriza, que marcou catro tarefas para a coalición da oposición: seren un partido único, crear redes de solidariedade para "darlle a volta" ao imaxinario social que se creou tras a derrota electoral "entre aquelas persoas para as que eramos a última esperanza", reconstruír os sindicatos e combater o fascismo espertado por "os típicos nazis que camiñan en grupos de dez ou vinte e atacan con navallas a inmigrantes e xente de esquerdas".

Syriza, que identificou en máis dunha ocasión Grecia cun laboratorio, reiterou máis unha vez nesta conversa que o país heleno "era o elo máis feble da cadea, tanto económico como social. Mais cando rompe un elo rompe a cadea enteira", apuntou Niakas, augurando o mesmo destino "non só para España, senón tamén para Alemaña. Se se manteñen as políticas de austeridade, Europa non ten futuro".

Para evitar que a historia se repita, e se multiplique o número de estados onde a pobreza vai en aumento --igual que as manifestacións nazis--, a resposta é non pagar a débeda. "Xa a pagamos varias veces, aos bancos, que foron os que a xeneraron. De momento os cartos deben ir á cidadanía, e despois xa veremos". Voltamos, por tanto, ao programa co que concorreron aos comicios: moratoria no pagamento, negociar até conseguir a cancelación da débeda ilexítima e que saldar a restante sexa un obxectivo supeditado á recuperación do crecemento económico e á creación de emprego. Nikas teno claro: "só sairían perdendo uns poucos individuos que, por unha vez, ben se poderían arranxar por si propios".

Máis en Mundo
Comentarios