Marcelo Rebelo de Sousa (PSD), favorito

Portugal acolle as eleccións presidenciais

Portugal elixe presidente entre dez candidatos e candidatas nuns comicios aos que están chamados a votar case 10 millóns de persoas. Os centros de votación fecharán ás 19h hora local e todo apunta a que non será necesaria unha segunda volta.

[Imaxe: Bernas Oimbra] Marcelo Rebelo de Sousa
photo_camera [Imaxe: Bernas Oimbra] Marcelo Rebelo de Sousa

O pobo portugués elixirá hoxe presidente ou presidenta entre dez aspirantes. Segundo as sondaxes, non haberá segunda volta electoral, polo que todo apunta a que esta noite se coñecerá o nome de quen vai presidir o país. As sondaxes danlle a vitoria ao ex presidente do PSD, Marcelo Rebelo de Sousa.

Perto de 10 millóns de persoas están chamadas a elixir entre os candidatos e candidatas que substituirán o actual mandatario, Aníbal Cavaco Silva.

Un dos dados importantes será o nivel de abstención, pois nas pasadas eleccións parlamentares, que tiveron lugar no outono, chegou ao 43%, a maior en 40 anos.

O xefe de Estado, que pode vetar leis, convocar eleccións e mesmo disolver a Assembleia da República

As eleccións presidenciais teñen unha especial relevancia en Portugal dadas as competencias das que goza o xefe de Estado, que pode vetar leis, convocar eleccións e mesmo disolver a Assembleia da República.

Así, a figura presidencial desenvolve un papel c lave tanto no campo político como no institucional –é a máxima autoridade do Estado e o comandante Supremo das Forzas Armadas. Do que non dispón é do poder lexislativo nin executivo porque lle corresponde ao Parlamento e ao Goberno.

Quen son os dez candidatos?

As eleccións deste domingo son as que teñen o maior número de aspirantes da historia. E é que dez foron os homes e as mulleres que lograron entregarlle ao Constitucional 7.500 sinaturas, o principal requirimento esixido.

Os dez candidatos e candidatas son Marcelo Rebelo de Sousa, Sampaio de Nóvoa, Maria de Belém, Marisa Matías, Edgar Silva, Paulo de Morais, Vitorino Silva, Henrique Neto, Jorge Sequeira e Càndido Ferreira.

O favorito a gañar as presidenciais advertiu xa de que non disolverá a Cámara aínda que o executivo socialista de António Costa incumpra o programa de consolidación orzamentaria que a sexta feira presentou en Bruxelas.

Máis en Mundo
Comentarios