ENTRA EN VIGOR O ACORDO NUCLEAR

A fin das sancións dálle un respiro ao Irán

Os Estados Unidos, a Unión Europea e o Consello de Seguridade da ONU levantaron todas as sancións que lle foran impostas ao Irán após seis meses da sinatura do programa nuclear iraniano entre este país e o Reino Unido, a China, Francia, Rusia, os EUA e Alemaña.

[Imaxe: IAEA] Técnicos da IAEA nunha inspección no Irán
photo_camera [Imaxe: IAEA] Técnicos da IAEA nunha inspección no Irán

O levantamento das sancións económicas e financeiras impostas ao Irán prodúcese unha vez que a Axencia Internacional da Enerxía Atómica (AIEA) confirmara que o país cumpriu coas obrigas esixidas para poñer en marcha o acordo nuclear asinado en xullo de 2015 en Viena polo G5+1 –Reino Unido, a China, Francia, Rusia, os EUA e Alemaña-.

A decisión adoptouse logo de que 7.000 inspectores da axencia verificaran sobre o terreo e nos distintos equipamentos nucleares que o Irán cumpriu con todos os requirimentos. A propia axencia salientou que o levantamento das sancións representa “un día importante para a comunidade internacional”. “É un día moi importante. Percorremos un camiño moi longo desde que a AIEA empezou a considerar o asunto nuclear iraniano en 2003”, apuntou o director xeral do organismo, Yukuiya Amano, nun comunicado.

As conversas para concretar un acordo que lle permitise desenvolver ao Irán o seu programa nuclear con fins pacíficos tensaron as relacións internacionais ao longo dos últimos 12 anos

As conversas para concretar un acordo que lle permitise desenvolver ao Irán o seu programa nuclear con fins pacíficos tensaron as relacións internacionais ao longo dos últimos 12 anos. A alegría coa que a comunidade internacional acolleu o anuncio e a entrada en vigor do acordo de xullo de 2015 contraponse co rexeitamento de Israel, que considera o acordo “un erro de proporcións históricas”.

En base ao pacto que entra en vigor após o levantamento das sancións, o Irán empregará a enerxía nuclear para as investigacións no ámbito da medicina, da agricultura e da industria. Neste contexto, a fin das imposicións representa unha gran noticia para o Irán e para a súa economía. Teherán calcula que as sancións provocaron unha perda de arredor de 100.000 millóns de dólares só entre 2012 e 2015. Neses anos, o país tivo moitas limitacións para poder exportar os recursos máis significativos da súa economía: petróleo e gas.

As sancións suspendidas

As sancións suspendidas, que poderán restabelecerse no caso de “violacións graves” no caso do Irán son as seguintes:

  • Os EUA suspenderon as limitacións impostas ao Banco Central e á compañía petroleira estatal do Irán, de maneira que o país persa poderá acceder a 50.000 millóns de dólares conxelados.
  • O Irán poderá dispoñer dos 100.000 millóns de dólares que posúe en bancos chineses, xaponeses e de Corea do Sur.
  • O Irán poderá vender o seu petróleo e comprar mercadorías no eido internacional. As previsións apuntan que podería mover medio millón de barrís de cru máis ao día.
  • Os EUA eliminaron da “listaxe negra” máis de 400 empresas e persoas iranianas, de maneira que as compañías poidan comprar cru e realizaren transaccións económicas.
  • Os EUA desbloquearon os ingresos procedentes da venda do cru no estranxeiro.
  • A EU suprimiu as súas sancións financeiras relacionadas coa tecnoloxía nuclear sobre transferencias, seguros, financiamento do comercio, petróleo e gas.

 

Máis en Mundo
Comentarios