xoves 29/10/20
CONFERENCIA DE SEGURIDADE DE MUNICH

Rusia advirte dunha nova “Guerra Fría”

O mundo está caendo nunha nova Guerra Fría. Esta foi a advertencia que fixo na mañá do sábado o primeiro ministro ruso, Dmitry Medvdeved, na Conferencia de Seguridade de Munich.

[Imaxe: Wikipedia] Medvedev
[Imaxe: Wikipedia] Medvedev

O mandatario ruso alertou de que a falta de cooperación ameaza con regresarmos “a hai 40 anos, cando había un muro en Europa”. Referíase Medvedev á condena dos ataques aéreos de Rusia en Siria por parte de líderes europeos. “Non existe evidencia ningunha de que bombardeáramos civís, malia que todo o mundo nos está acusando diso”, apuntou.

“Poderíase dicir máis agudamente: caemos nunha nova Guerra Fría”, insistiu. “Case todos os días se nos culpa de ser a máis terríbel ameaza para a OTAN, Europa, América e outros países. Fanse películas de terror onde Rusia inicia unha guerra nuclear… Ás veces, pregúntome: estamos no ano 2016 ou no 1962?”, salientou.

O mandatario ruso denunciou que a OTAN “compórtase de maneira non amigábel fronte a Rusia, cando debería actuar de maneira conxunta fronte ao terrorismo yihadista”. “O terrorismo é un problema da civilización. É eles ou nós. Non hai medias tintas”, expuxo. Neste contexto, apelou a “pór de lado as nosas diferenzas e amosármonos unidos”.

A conferencia de seguridade centra a súa 52ª edición na crise que vive siria. Participan dela máis de trinta xefes de Estado e Goberno e uns 70 ministros, amais do secretario de Estado dos EUA, John Kerry, o presidente ucraíno, Petró Poroshenko, o primeiro ministro francés, Manuel Valls, ou o ministro de Asuntos Exteriores do Irán, Mohammad Javad Zarif.

Tanto o representante dos EUA como o da Francia e Ucraína cargaron contra Rusia por participar nos bombardeos en Siria. Ademais, o secretario xeral da OTAN afondou o conflito con Rusia ao apuntar que “o exercicio das súas forzas nucleares están destinadas a intimidar os seus veciños, o que socava a confianza e a estabilidade en Europa”.

Rusia advirte dunha nova “Guerra Fría”
comentarios