Rajoy critica diante do G-20 o seu propio rescate

O presidente español evidenciou o seu malestar polo sistema de axuda que suscribiu hai uns días con Bruxelas. Nunha intervención en Los Cabos (México) xustifica con este argumento a caótica situación da débeda soberana e a pouca credibilidade do seu goberno diante dos inversores.
Rajoy no cumio do G-20 en México

Mariano Rajoy xa ten explicación para o que sucedeu onte nos mercados españois. Nunha reunión a porta pechada no cumio do G-20 que estes días se celebra en Los Cabos asegurou, segundo filtraron aos medios de comunicación fontes do seu propio goberno, que os problemas da débeda soberana teñen relación directa coa implicación do propio Estado español no retorno do rescate. Para Rajoy a liña de crédito non debería pasar polo Fondo de Reestruturación Bancaria Ordenada (FROB) posto que implica que o Estado español é quen garante a devolución dos cartos que beneficiarán a banca privada.

Para Rajoy os problemas da débeda soberana teñen relación coa implicación do Estado español no retorno do rescate

Castigo nos mercados
Onte os mercados castigaron con dureza as decisións do goberno español e marcaron outro récord negativo da débeda soberana. A inseguridade da solvencia dun goberno con pouco crédito e algunhas contradicións puxo en evidencia as dificultades cada vez maiores que ten Rajoy para convencer a inversión privada. Hoxe a prima de risco española abriu en 572 puntos básicos, dous menos ca onte, co interese do bono a dez anos no 7,15%.  Ademais agárdase o resultado da poxa na que o Tesouro español espera colocar até 3.000 millóns de euros en Letras a 12 e 18 meses.

Máis en Mundo
Comentarios