Esmola de 50€ para desempregad@s con dúas persoas dependentes ao cargo

Á espera do que depare o Consello de ministr@s e sen aclarar quen poderá cobrar a axuda dos 400 euros, o goberno español anuncia que dará 50€ máis a persoas desempregadas maiores de 45 anos e que teñan dúas familiares dependentes ao seu cargo
desempregados á porta dunha oficina do INEM
photo_camera Desempregad@s á porta dunha oficina do INEM

O goberno de Mariano Rajoy aprobará a prórroga do Plan Prepara, destinado a axudar persoas desempregadas de longa duración, no vindeiro Consello de ministr@s. Mais o executivo español incorporará modificacións nas condicións exixidas para percibiren a axuda, cuxa contía son 400 euros.

Actualmente pódense beneficiar do programa aquelas que, de acordo co Real Decreto-lei aprobado en 2011, sexan "persoas desempregadas por extinción da súa relación laboral, que desde o 16 de agosto até o 15 de febreiro de 2012" tivesen esgotado a prestación por desemprego a nivel contributivo e non teñan dereito a calquera outro subsidio por desemprego. Mais estas persoas deberán carecer de rendas superiores ao 75% do Salario Mínimo Interprofesional (641 euros), isto é, 345,75€. Neste sentido, consideraranse rendas os soldos sociais, rendas mínimas de inserción ou axudas análogas concedidas polas Administracións Públicas.

Asemade, a vicepresidenta e voceira do goberno español, Soraya Saéz de Santamaría, anunciou esta terza que se incrementará en 50 euros a contía da axuda para aquelas persoas maiores de 45 anos que conten con dous familiares ao seu cargo.

A pasada semana, unha das voces do Partido Popular, suxería que a axuda sería eliminada para aquelas persoas que vivisen no domicilio familiar e mesmo o propio presidente do goberno español, Mariano Rajoy, chegou a asegurar que este tipo de medidas "desincentivaban" a procura dun traballo entre as persoas desempregadas.

Máis en Mundo
Comentarios