O IVE da cultura, do 8 ao 21% a partir do 1 de setembro: ''Non hai outro remedio''

O Goberno español debulla a letra pequena do maior paquete de recortes da historia. Musicais, concertos, cine ou teatro pasarán do tipo reducido ao tipo xeral, ao igual que perruquería, estética, servizos funerarios ou a compra de lentes e lentes de contacto. O tecido empresarial galego advirte de que a suba deste imposto suporá a destrución de empregos e o peche de negocios. Gran Bretaña mantén este imposto no 0% e o salario mínimo triplica o español. En Francia rolda o 19,5% e o soldo mínimo está en 1.300€

O IVE subirá a partir do 1 de setembro por ser a data "máis operativa posíbel" e para non prexudicar o sector turístico. Confirmouno esta sexta feira o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministr@s que aprobou o maior paquete de recortes da historia. A suba do tipo xeral desde o 18 até o 21%, e do reducido --aplicado á hostelaría-- desde o 8 até o 10% "vai na liña das recomendacións de Bruxelas", segundo confirmou Montoro, sinalando que a troika prevé "apoiar máis a imposición indirecta" para baixar os impostos sobre o emprego.

Entre as medidas anunciadas está tamén a supresión a partir do 1 de xaneiro de 2013 da dedución fiscal por adquisición de vivenda, e o tipo superreducido do 4% subirá até o 10% na compra de novos inmobles. Manterase no 4% cando se trate de alimentos de primeira necesidade e produtos culturais --xornais e libros-- "para non causar un especial prexuízo no ámbito social", dixo Montoro. Porén, do 18 ao 21% sobe tamén o IVE dos cosméticos e dalgúns produtos de hixiene como as compresas e os tampóns, considerados 'artigos de luxo'. Gravaranse co mesmo tipo impositivo os aparellos para o diagnóstico e o seguimento de embarazos. 

Explicando a letra pequena dos posíbeis cambios na base impoñíbel na clasificación dalgúns bens e produtos, no tipo reducido quedarán só os transportes, a hostalería e a cesta da compra. Por tanto, o IVE da perruquería, da estética, os musicais, o cine, os concertos, o teatro ou a compra de lentes e lentes de contacto subirá do 8 ao 21%, ao igual que os servizos funerarios ou dentais, ao pasaren do tipo reducido ao tipo xeral.

A subida deste imposto "estaba recollida" no plan presentado en abril a Bruxelas. "Agora é obrigatorio facelo, non hai outro remedio", sinalou o titular de Facenda, se ben recoñeceu que no programa electoral co que o PP gañou as eleccións ao Goberno español estaba recollida unha baixada dos impostos. "Estamos a subilos, mais baixaremolos en canto poidamos. O ano que vén haberá unha redución de cotizacións sociais", afirmou. Fronte ao 21% de IVE que haberá no Estado español, Gran Bretaña mantén este imposto no 0% e o salario mínimo triplica o español. En Francia rolda o 19,5% e os salarios mínimos roldan os 1.300 euros.

Mans arriba: Consecuencias "devastadoras" para o tecido produtivo na Galiza
Ante este escenario, desde a Rede Galega de Empresas xa se advirte que un incremento do pode ser "devastador", en palabras do membro da directiva, Manuel Vázquez, para o tecido produtivo da Galiza. "Non esquezamos que estamos a falar de autónomos e de pequenas e medianas empresas, que son a maior parte da nosa economía", indica Vázquez. Desde a Rede apuntan a que o dano da suba do IVE vai castigar ás familias, que comprarán menos bens de consumo, e iso terá a súa consecuencia en que nas empresas haberá menos ventas. A conclusión, sinala do membro da directiva da entidade, é que iso derivará en despidos, peches e perdas de postos de traballo

A Rede Galega de Empresas bota man dun estudo da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) para afirmar que o incremento do Imposto de Valor Engadido (IVE) pode supor de media un custe de case 900 euros por familia e ano no caso de que esa suba repercutise totalmente nos e nas consumidoras. "E tod@s sabemos cal é a situación hoxe da maioría das familias galegas", sinala Manuel Vázquez.

A Rede apunta a que haberá que recortar nas compras. Mais a Rede tamén indica que esa medida suporá agravar a situación das actividades económicas relacionadas co sector primario galego, o cultural ou o de lecer, entre outros moitos. Un dos máis prexudicados pode ser o comercio, turismo e hostalería, dos que viven milleiros de galeg@s.

Máis en Mundo
Comentarios