Centos de empregad@s públic@s berran contra os recortes ás portas do centro de traballo

Cadrando co Consello de Ministros desta sexta, a Área Pública da CIG chamou á protesta

Centos de traballador@s públic@s concentráronse esta sexta ás portas dos seus centros de emprego para protestaren contra as políticas de redución salarial e de demantelamento do sector público que chegan parellas do paquete de recortes aprobado no Consello de Ministros de hoxe.

Así as cousas, a chamada das federacións da Área Pública da CIG --Ensino, Saúde e Administración-- ouviuse en hospitais, edificios administrativos, centros de saúde, deputacións, concellos, universidades ou na Axencia Tributaria, ao tempo que unha comunicación ditada polo Ministerio de Interior prohibía a funcionari@s de prisións secundaren as mobilizacións.

Remarcando que na función pública son moitos os soldos rebaixáronse desde xuño nun 20% e son moitos os que non chegan aos 1.000 euros, o sindicato nacionalista valorou como "especialmente preocupante" o panorama en que desenvolven a súa actividade est@s traballador@s. Sinalou a central cara a intención do Goberno español de "introducir as pensións nas administracións públicas", após recoñecer o propio Mariano Rajoy que a recuperación da paga de decembro que vén de ser suprimida se recuperará en 2015 e por aquela vía, non en metálico. Ao fío, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, considerou que se trata dunha medida que "beneficia, máis unha vez, á banca e ao capital especulativo, que son os que xestionan".

Na mesma liña pronunciouse tamén a secretaria nacional de CIG-Administración, María Carme Santamariña, quen lembrou que "a día de hoxe só existen plans de pensións impostos na administración xeral do estado e en algúns concellos e deputacións". Segundo informou, no resto das administracións "non existe" un plan de pensións, polo que a recuperación da extra de decembro mediante esa vía "ou obriga á súa creación ou non é posibel". Apuntou finalmente María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, que os recortes "van no camiño de privatizaren o sistema de pensións dos traballadores públicos".

A 'equiparación' das baixas por enfermidade
Foi estoutra máis unha das medidas anunciadas por Rajoy e que suporá, en palabras de Louzao, "gravar e penalizar a quen sufra unha doenza" ao detraérselles a est@s traballador@s unha parte do seu salario "como se fose un delito porse enfermo". A eliminación dos días de libre disposición por antigüidade --canosos-- e a redución de seis a tres dos de libre disposición --moscosos-- ten o mesmo obxectivo "de facer desaparecer os servizos públicos", recalcou Santamariña.

Nos casos concretos do ensino e da sanidade, Louzao e Abuín alertaron da supresión de miles de empregos e de prazas no ensino público, limitando o acceso ao dereito a unha educación para as familias con menos recursos e provocando "un sistema sanitario de pobres e ricos" seguindo o ronsel do modelo dos EUA, onde a privatización convive coa morte de "máis de 26.000 persoas ao ano" por falta de asistencia.

Comentarios