Rajoy afía as tesouras tamén co emprego público

Os días de libre disposición pasan de seis a tres, e desaparecen os de libre disposición por antigüidade. Sae adiante a reforma da Administración local, cun recorte do 30% d@s concelleir@s

A vicepresidenta do Goberno español, Soraya Sáenz de Santamaría, e o titular de Facenda, Cristóbal Montoro, compareceron en rolda de prensa após o Consello de Ministros para anunciar os acordos alí tomados.

Amb@s eloxiaron o traballo d@s empregad@s públic@s --"Sen a función pública non seriamos o que somos", dixo Montoro-- para, acto seguido, pedirlles "un esforzo" e espetar que os días de libre disposición --moscosos-- quedarán rebaixados de seis a tres, e os de libre disposición por antigüidade --canosos-- ficarán suprimidos. Sáen de Santamaría puxo cara de circunstancia e informou de que "traballan, traballan ben e agora terán que traballar algún día máis".

Así as cousas, alén de lles retiraren a paga extra do mes de decembro xa este ano, o novo baremo anunciado por Montoro, tal e como el mesmo dixo, é "moi parecido" ao fixado nos convenios laborais privados, pois o obxectivo do Goberno é equiparar a función pública co sector privado. "É unha indecencia que, recorrendo á demagoxia, o PP pretenda que sexan as empregadas e empregados do sector público quen paguen as consecuencias dunha política económica errática, concibida en beneficio exclusivo do poder financeiro para favorecer os intereses dos mercados especulativos", valorou a Área Pública da CIG --Saúde, Ensino e Administración--, a respecto dos recortes que afectan ao cadro de persoal da función pública.

Cos datos na man, o sindicato alertou de que, coa decisión de suprimir a paga extra de decembro, os salarios no sector público caeron un 20% desde xuño de 2010. Eis aquí algunhas cifras:

  • no grupo E, dependente da Xunta de Galiza, o soldo bruto mensual está nos 548.47€, por debaixo do salario mínimo interprofesional
  • no grupo C1 de persoal administrativo, cobran 720,02€
  • para auxiliares do grupo C2 o soldo está nos 599,25€
  • un ou unha técnica licenciada cobra 1.109,05€
  • un ou unha técnica diplomada percibe 958€, segundo o baremo fixado para o grupo A2

Diante destes números, que sitúan a meirande parte das persoas que traballan no sector público por debaixo do 'mileurismo', para a Área Pública da CIG "é obvio" que a folla de ruta trazada polo Executivo español ten como obxectivo "desmantelar todas as conquistas sociais e laborais no sector público". Para alén da redución de soldos e a eliminación de pagas, Rajoy procura a destrución de empregos, "reducir a administración a cambio da privatización". No paquete de medidas para reformar a administración pública contémplase tamén a supresión do 30% d@s concelleir@s mais, "non podemos mudar o funcionamento democrático nestes momentos", segundo explicou a vicepresidenta do Goberno, será para as vindeiras eleccións.

Máis en Mundo
Comentarios